Os zocos de Elena Ferro, de Vila de Cruces a Nova Zelanda e Xapón

Publicado: 03 mar 2023 - 01:00 Actualizado: 03 mar 2023 - 10:03
Elena Ferro, no seu obradoiro de Vila de Cruces no  Deza.
Elena Ferro, no seu obradoiro de Vila de Cruces no Deza.

A zoqueira Elena Ferro é a convidada de hoxe nos “Venres da Emao”, ás 19 horas, en Artes e Oficios. “Eu crieime nunha familia de artesáns, son a terceira xeración de zoqueira; tentarei darlle ánimos a esta xente que se forma para emprender un proxecto”. Aínda que hoxe é unha das marcas máis internacionais de Galicia, Ferro herdou un obradoiro no que tivo que afrontar auténticas crises. “A finais dos 80 a xente deixou de calzar zocos e ata 2010 foron anos moi malos, pero non renunciamos ao noso, se se cre nun mesmos cunha perspectiva positiva, sáese adiante; daquela tivemos que tirar da marroquinería para manternos sen deixar de facer zocos, o mesmo que agora tampouco deixamos os traballos en coiro”.

Deseños innovadores e a incorporación de novos materiais caracterizan as pezas de Ferro facilmente identificables. “Hai que ir adaptándose aos tempos, para min a tradición está viva, non pode quedar ancorada no pasado; os zocos sempre se usaron no campo, pero iso mudou; pensei que era unha pena que morrese un calzado tan adaptado ao noso clima, quente e que non deixa pasar a auga”. Comezou a incorporar cambios en 1995, pero non foi ata 15 anos despois en que, tal e como afirma a artesá “todo comezou a encaixar”.

Amais da estética, tamén mudou o xeito de traballar. “As madeiras xa non están feitas a man, córtanse con fresadoras e con serras, o xeito de traballar é moi diferente que o do meu avó; son pezas artesás, pero onde se usan troqueladoras ou máquinas de coser, iso repercute no prezo e pódense atopar zocos a partir de 60 euros, é o máis axustado posible para chegar a máis xente”.

Cada modelo de calzado que saca leva o nome dunha aldea ou parroquia galega. “Poñemos os nomes de onde saíron os zocos, a xente gústalle atopar o seu lugar”.

Antes da aposta das administracións polo rural, Ferro logrou por en marcha unha empresa que se iniciou como familiar e agora emprega a dez traballadores. Do obradoiro de Vila de Cruces, na bisbarra do Deza, saen zocos para Nova Zelanda, Xapón, China, toda Europa e Latinoamérica. “Creo que en África non vendemos nada”, apunta. Artesá do século XXI, asegura que non lle gusta pensar a longa prazo: “Sempre me foi de marabilla centrándome no presente, agradezo a sorte que teño en poder traballar no que me gusta e niso quero pensar”.

Contenido patrocinado

stats