O zamarreiro, personaxe do Entroido en perigo de extinción
O barquense afincado en Vigo Paco Vidal escribiu un libro onde recolle as peculiaridades desta figura nacida pouco despois da Guerra Civil
O Entroido ten moitas figuras de relevancia en Ourense. Aos coñecidos peliqueiros e cigarróns das zonas de Laza e Verín, onde máis se vive a festividade, aparece unha terceira figura: o zamarreiro. Paco Vidal, natural do Barco de Valdeorras pero afincado en Vigo dende os anos 70, comezou fai vinte anos unha investigación para recoller as historias dun elemento do Entroido barquense é, en concreto, da parroquia de Entoma. Esa análise plasmouno no libro “Os Zamarreiros. Intruido de Valdeorras”. Unha figura en perigo de extinción agora e que houbo varios anos en que se recuperou, ata que acabou case morrendo. Agora, Vidal intenta recuperalo para as celebracións do Entroido do Valdeorras.
O zamarreiro nace algo despois da Guerra Civil, aínda que existen serigrafías que mostran o zamarreiro xa nos anos vinte. Un personaxe coa maldade característica de todas as figuras do Entroido, pero sen tocar nunca aos nenos e as mulleres. A diferencias dos outros, non era un recadador de impostos, senón que era máis ben una figura festiva e descarada. “Os zamarreiros eran uns homes a cabalo, cun sombreiro tipo fungo e era unha figura moi ben vestida, con camisa branca. Entraban nas casas, ollaban, pero sen maldade”, sinalou Vidal. O autor puido presenciar o ese personaxe nos anos 60 e 70 no Entroido de Entoma. Ia acompañado sempre dunhas plañideras ou furracas e o cura, bañando á xente coa ‘agua bendita’. O zamarreiro levaba incorporado unha especie de zamarra ou látego duro estilo maza, co que ia “zurriagando” a aquel que aparecese no medio. “A xente apartábase. Dáballe chourizos ou roscón”, aseguraba o escritor, que presentará en Entoma o libro o próximo 15 de maio ás 19 horas. O ensaio conta con ilustracións de Antón Pulido e con colaboracións de Víctor Freixanes, Alonso Montero ou Méndez Ferrín. Ademais, para que a mensaxe amplificase, fixo tamén unha tradución ao inglés, feita por un profesor da Universidade Carlos III.
A partir dos anos 70, o Entroido en Entoma empeceu a perder o seu encanto, aínda que sempre foi “moi musical”. Chegou a morrer. Pero nos anos noventa chega á parroquia María Xosé Blanco, unha mestra “moi actualizada no sentido popular” que retomou aos zamarreiros e as furracas dunha forma divertida: a participación no desfile de Entroido de Valdeorras. Nun primeiro ano quedaron segundos, o que animou aínda máis a xente e os nenos da escola. O ano seguinte, con máis persoal, conseguiron o primeiro premio. “A últimos dos anos noventa marchou a mestra, e aí quedou a recuperación do zamarreiro”, lamentou Vidal.
Houbo que esperar ao ano 2011, cando un obradoiro promocionado pola Xunta quixo recuperar a figura do Entroido de Entoma, pero con moita interese nas furracas. ‘Fariñaban’ (botar fariña) con moito brío, con moita alegría e foron protagonista no desfile de Entroido dese ano, gracias ao obradoiro. Pero volveuse a disipar. Agora, Paco Vidal quere que non pase tanto tempo para que os zamarreiros volten as rúas polo Entroido ourensán.
Contenido patrocinado
También te puede interesar