A Xunta aposta sen precedentes por Vigo nos seus orzamentos de 2026
Investimento na cidade
As partidas apoiarán a educación, política social, mobilidade, emprego, patrimonio natural ou mocidade
Os Orzamentos da Xunta de Galicia para Vigo en 2026 supoñen un esforzo sen precedentes do Goberno galego na nosa cidade. Estamos a falar de 690,6 millóns de euros para Vigo, unha cifra que deixa claro que a Xunta de Galicia cumpre coa cidade, incrementando o investimento en 157,6 millóns de euros máis que os orzamentos para este ano.
As partidas son unha aposta rotunda polos vigueses, cun foco especial en materia social –Educación, Sanidade e Política Social– e na necesidade de vivenda pública, pero tamén en infraestruturas que son vitais para o funcionamento da nosa sociedade.
Educación
Os Orzamentos de 2026 van permitir seguir mellorando o sistema educativo galego, cunha maior modernización do ensino, con mellores ratios, máis medidas de apoio ás familias, máis profesores a pesares da baixada do alumnado, máis atención ao alumnado con necesidades especiais, máis coidado do rural e mellores condicións para o profesorado.
Unha das principais medidas será o novo bono de comedores escolares para familias que usan comedores de anpas, concellos e centros concertados. Estas medidas únense ás que xa había nos comedores da propia Xunta. No eido da ciencia, darase un intenso apoio a través do Plan galego de I+D+i, que se concreta en máis investigación, innovación e apoio ao talento universitario e empresarial.
O Goberno galego destinará 22,7 millóns de euros para obras en centros educativos como o CEIP Plurilingüe Carballal-Cabral e o CEIP Vicente Risco, continuará coa execución do CIFP Valentín Paz Andrade e licitará o novo IES Domingo Villar de Navia.
Os investimentos en ciencia ascenderán a 14,8 millóns de euros, con 6,1 millóns destinados á Rede CIGUS da UVigo, para centros como AtlanTTic, CINBIO, CIM, CINTECX e ECOBAS, así como o novo Centro de Investigacións Mariñas na ETEA. Tamén se fortalecerán os centros tecnolóxicos Gradiant, Anfaco-Cytma e Energylab.
Política social
En política social, a Xunta incrementará nun 41% o investimento en Bonos de dependencia, ata superar os 35 millóns de euros, beneficiando a 1.116 persoas. Investirá 2 millóns de euros no edificio Gota de Leite, destinará máis de 4 millóns de euros á reforma integral do CRAPD e 7 millóns de euros á gratuidade das escolas infantís, beneficiando a 3.400 nenos e nenas. O Goberno galego continuará favorecendo a conciliación familiar a través do Bono Concilia Familia, que chegou a 1.200 fogares vigueses.
No ámbito sanitario, destaca a posta en marcha do CIS Olimpia Valencia de Vigo e unha partida de 1,3 millóns de euros para obras e equipamento da área de maxilofacial do Meixoeiro, entre outras.
Mobilidade
Os orzamentos inclúen 14 millóns de euros en mobilidade, mantendo recursos para iniciar as novas pistas de atletismo de Balaídos. A Xunta impulsará a actividade física entre escolares e deportistas e reforzará a estratexia de transporte público.
Dos case 130.000 galegos coa tarxeta Xente Nova, preto de 11.500 usuarios de Vigo realizaron 259.000 viaxes cunha bonificación de 656.000 euros. Ademais, 15.000 vigueses maiores de 65 anos fixeron 173.000 viaxes coa tarifa +65, cun total de 383.000 euros en bonificacións.
Emprego
En emprego, destinaranse 0,4 millóns de euros ao CIFP Coia-Vigo, e manteranse os Bonos Comercio e as axudas aos autónomos da cidade.
Patrimonio natural e cultura
No eido ambiental, as Illas Cíes recibirán 82.740 euros para recuperación de hábitats e 556.796 euros para melloras na planta de transferencia de Sogama. Ademais, destinaranse 1,5 millóns de euros para recuperar o Teatro Cine Fraga, cun investimento total de 10,5 millóns ata 2028.
Tamén se iniciarán trámites para unha residencia xuvenil en Vigo e a ampliación do Museo do Mar de Galicia, reforzando o papel cultural da cidade.
Mocidade
O Bono Emancípate, dotado con 3 millóns de euros, terá impacto directo na mocidade viguesa, ao igual que as novas medidas de impulso da lingua galega, o apoio a festivais culturais e á programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último