O xulgado arquiva a causa aberta contra o alcalde de Baiona por denegar unha licenza para un edificio

Vázquez Almuíña afirma que o 'único delito' cometido foi salvagardar os dereitos dos veciños fronte a un 'pelotazo'

Agencias

Publicado: 19 abr 2012 - 22:52 Actualizado: 10 feb 2014 - 12:43

O Xulgado de Instrución número 5 de Vigo declarou o sobresemento da acusación e ordena o arquivo da causa aberta contra o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña (PP), e a Xunta de Goberno Local por denegar unha licenza para construír un edificio no número 8 da rúa Ramón e Cajal, segundo informa o Concello.

O rexedor manifestou este xoves a súa satisfacción pola resolución, que é firme, e sinalou que non lle cabía 'ningunha dúbida' de que a Xustiza se pronunciaría nese sentido. 'Sempre actuamos con total pulcritude e transparencia aténdonos á lei, respectando os informes técnicos e xurídicos', asegurou.

Nese sentido, indicou que 'dende o goberno o único delito cometido' foi defender a 'legalidade urbanística salvagardando os dereitos xerais dos veciños de Baiona', garantindo a execución dun vial e unha praza pública previstos no plan e evitando así o que cualificou como un 'pelotazo urbanístico'.

O rexedor recordou que a negativa da Xunta de Goberno a conceder a licenza se debeu a que a actuación era contraria ao plan urbanístico, por tratarse dun terreo produto dunha parcelación ilegal e, en consecuencia, que non adquirira a condición de soar.

Por iso, mantivo que 'se antepuxeron os intereses xerais aos dunha empresa que pretendía enriquecerse a custa de hipotecar o benestar e o futuro dos baioneses'. 'Non o consentimos nese momento e nunca o imos consentir', advertiu.

XUÍZOS DE VALOR

Vázquez Almuíña tamén censurou o feito de que se distribuísen panfletos en vésperas das eleccións municipais nos que se acusaba ao daquela candidato do PP de corrupto, estimando que 'estes métodos non poden, baixo ningún concepto, ser utilizados para intentar gañar nas urnas'.

Tamén indicou que lanzar acusacións antes de que os xuíces diten sentenza é un 'atentado contra a honorabilidade, a reputación e integridade das persoas que o sofren directamente', se ben destacou que son os ámbitos familiar e profesional os que 'padecen as consecuencias dunha forma moito máis brutal'. Por iso, pediu 'prudencia' á hora de facer xuízos de valor dende o descoñecemento.

LICENZA DENEGADA

O asunto remóntase ao 14 de febreiro de 2008, cando a Xunta de Goberno desestimou a concesión da licenza solicitada por Herdeiros de Concepción Taboada del Río ao considerala contraria ao plan. Ante esta decisión municipal, os afectados emprenderon medidas contra o goberno local pola vía contencioso-administrativa -que deu a razón ao Concello- e a penal.

No caso da penal, o Xulgado de Instrución Número 5 de Vigo iniciou dilixencias previas o 20 de xuño de 2008 e en 2010 ditou un auto no que acordaba a continuación da tramitación das dilixencias por procedemento abreviado, por se os feitos fueren constitutivos dun delito de prevaricación.

Esta resolución foi recorrida polo goberno local ante a Audiencia Provincial, que emitiu un auto polo que estimaba o recurso e deixaba sen efecto o auto do xulgado vigués. Xa en xaneiro deste ano, o xulgado de vigués ordenou o arquivo provisional da causa e, finalmente, o 17 de abril púxose fin ao proceso, quedando libres de cargos Xunta de Goberno e técnicos municipais.

Contenido patrocinado

stats