"Os do Dépor e os do Celta témonos que vacilar, forma parte do xogo; boto en falta eses derbis"

Xosé Touriñán, actúa con 'Recortes' no García Barbón

Publicado: 09 nov 2022 - 00:00 Actualizado: 09 nov 2022 - 11:40

Touriñán, nunha escea de “Recortes” que chega a Vigo.
Touriñán, nunha escea de “Recortes” que chega a Vigo.

Xosé Touriñán volve a Vigo esta fin de semana cunha dobre función no teatro García Barbón, onde o sábado e o domingo, representará “Recortes”. A montaxe, sobre todo o que move o mundo do fútbol, repite a equipa de “Fariña”, con textos de Nacho Carretero, adaptación de José Prieto e dirección de Tito Asorey.

Que imaxe dá do fútbol?

Baséase nun libro que aínda non se publicou de Carretero, onde saca historias moi bonitas como outras de futbolistas que acabaron con trastornos mentais polo nivel de esixencia ou os amaños que se fan ao seu redor, é unha visión completa. Está narrada sen nomes propios, pero en primeira persoa. Tamén fala do sentimento que esperta, o que non se pode explicar con palabras.

Como vive un futbolero declarado unha análise tan crítica?

Síntoo que o que contamos non é a parte máis bonita, non é o xogo, é o negocio que está detrás do espectáculo, porque tamén é obxecto de mercado. O fútbol engancha porque dá esa sensación de pertenza a unha familia, a un clan. Ser dun equipo provoca sensacións que non sempre son racionais. Por que nos enfadamos ou nos alegramos tanto cunha vitoria? Agora que todo ten que ser politicamente correcto, semella que o fútbol aínda conserva esa liberdade de paixóns.

Como lle picou a bicho do fútbol?

Non coñezo un fogar que non teña a algún futbolero. Eu nacín nunha taberna, cando todo o mundo vía o partido no bar nunha sociedade en que o fútbol o inunda todo. Foron os meus tíos os que me fixeron afeccionado.

E qué pensaría se un fillo se decidise a ser futbolista con toda a presión que hai detrás dun deportista?

É como todo, no noso sector tamén poden haber moitos intereses. O importante é que haxa talento e se adique ser futbolista e consigue apoio, eu feliz porque son un apaixonado do fútbol e teríame gustado xogar.

En que equipo lle gustaría xogar?

No Dépor, hai que tirar para casa. Pero gústame tanto o fútbol que entendo que se poida xogar noutros clubes.

Ser deportivista implica a rivalidade co Celta?

Os do Dépor e os do Celta témonos que vacilar, forma parte do xogo. Eu agora vivo amargado coa situación, pero no creo que aos celtistas lles alegre, pode que a primeira tempada. Entendo que somos moi capullos, sempre estamos co das Copas, pero boto en falta eses derbis. Gustaríame que o Depor quedase primeiro, e o Celta de segundo, nada de Madrid e Barcelona. Creo que é unha cuestión de pertenza e cercanía, se non fose do Depor teríame tocado ser do Celta.

Contenido patrocinado

stats