Xosé Cermeño: "O escritor reclama o máis valioso dos lectores, o seu tempo"

Cermeño demostrou como creador de programas de televisión (Pratos Combinados, Larpeiros e outros éxitos) que sabe atraer o interese dos espectadores

Publicado: 11 ago 2025 - 08:40 Actualizado: 11 ago 2025 - 09:32
Cermeño publicou recentemente un novo libro.
Cermeño publicou recentemente un novo libro. | Paula Cermeño

O escritor Xosé Cermeño presenta “Vantaxes e inconvenientes de case todo” (Editorial Galaxia), un libro de prosas breves e variadas, que atrapa a quen o le. Cermeño demostrou como creador de programas de televisión (Pratos Combinados, Larpeiros e outros éxitos) que sabe atraer o interese dos espectadores. Confesa ter aprendido moito coas aventuras de Tintín, que lía con devoción cando era neno. Naqueles libros, de excelente arte narrativa, cada páxina empurraba a ler a seguinte. Esa foi a súa primeira escola como escritor e aí soubo que seducir ao lector era o gran compromiso de quen escribe.

O título do libro –“Vantaxes e Inconvenientes de case todo”- responde ao que imos encontrar nas súas páxinas?

O título é unha pequena ironía, desde logo. O libro trata de mil cousas diferentes: de animais, de barcos, de viaxes, de mentiras, de cousas de comer , de personalidades curiosas… son asuntos que parecen non ter relación entre si, pero que nos mostran que os fragmentos e as anécdotas poden ser moi relevantes.

De onde ven a idea de mostrar o mundo desa maneira, en pequenos anacos?

Penso que hai dúas fontes principais. Por un lado, o francés Michel de Montaigne e a sua obra “Ensaios”. El foi, no século XVI, quen non ensinou a facer literatura mesturando a observación, a reflexión e unha mirada propia, pesoal. A él tamén lle chamaban a atención aspectos en apariencia pouco conectados, pero moi significativos. Por outro lado, o meu libro pode lembrar os chamados “gabinetes de curiosidades”, que tan de moda estiveron entre as clases pudientes en séculos pasados. Eses gabinetes de curiosidades estaban formados por coleccións algo desordeadas de instrumentos musicais, armas, vestidos, cunchas, gravados, e mostraban a curiosidade do propietario polos pobos e obxectos do mundo. Seguindo ese camiño, “Vantaxes e inconvenientes de case todo” reúne aspectos da vida que me chaman a atención e que procuro contar con algo de humor, con sorpresa e con curiosidade.

E cales deses aspectos e curiosidades van chamar mais a atención dos lectores?

Os escritores reclamamos o mais valioso que teñen as persoas que nos len: o seu tempo. Así que estamos obrigados a dar a cambio algo que pague a pena. Quero o lector que se sinta tocado, emocionado e divertido. Que discuta co libro, que ría co libro, que reflexione co libro... Ser un animal de compañía é a primeira función dun libro. Reúno mil pequenas historias sobre as palabras, as navegacións, as comidas ou os sucesos pintorescos. Non quixera escoller unha soa, pero venme agora á memoria a historia das anguías, que seguen a ser uns peixes moi misteriosos para a ciencia e pouca xente sabe que Sigmund Freud, cando ainda era un estudante, foi un dos primeiros en identificar as gónadas masculinas das anguías.

Hai tamén moitas referencias a escritores.

Síntome ligado pola lectura a persoas moi interesantes e tamén aos autores grazas aos que descubrín o encanto e a potencia das prosas breves, como Canetti, Julio Ramón Ribeiro, Gerald Brenan ou a portuguesa Agustina Bessa-Luís.

É moi diferente a escritura para a televisión e a escritura nun libro?

Son obxectivos e recursos distintos. A propia organización é diferente. Pero hai un elemento común: o que nos move a todos é o desexo de contar historias, de atopar unha maneira orixinal de narrar e seducir ao lector ou ao espectador. Xa sabe que as persoas somos os únicos animais que piden a súa nai que lles conte unha historia.

Contenido patrocinado

stats