Xénese do Goberno Galego, en Vigo
Cultura
A Fundación Penzol custodia a acta orixinal da constitución do Consello de Galicia, o órgano dirixente no exilio do que Castelao foi o primeiro presidente hai 80 anos
A acta orixinal da constitución do Consello de Galicia, o Goberno Galego no exilio e a xénese da actual Xunta de Galicia, atópase na Fundación Penzol. Co gallo do 80 aniversario da súa fundación, este venres inaugurarase unha exposición na Casa Galega da Cultura, onde amosan este documento procedente da doazón de Rodolfo Prada. “Fomos pioneiros na iniciativa de conmemorar esta efeméride, que agora tamén recoñecerán dende o Parlamento de Galicia ao nomear a Castelao o primeiro presidente galego”, apuntou Xosé Manuel Soutullo, director da Penzol.
Castelao presidiu o Consello de Galicia na migración, tal e como explica Henrique Monteagudo, comisario da mostra. “No ano 44, cando se aproximaba o final da Segunda Guerra Mundial, pensou que as democracias forzarían a marcha de Franco, neste punto urxiulle por Galiza nas mesmas condicións que Euskadi e Cataluña, que tiñan gobernos activos; considerou que precisaban dun organismo que defendese e custodiase o Estatuto de Autonomía, co que reuniu aos deputados galegos no exilio, eles poderían negociar en igualdade de condicións; de feito, foi no 45 cando logrou que o Goberno da República, reunido en México, aprobase a trámite o Estatuto galego, finalizando o proceso iniciado o último día antes da guerra en que lles entregara as actas co resultado positivo do plebiscito”.
Monteagudo recalcou a importancia de Castelao: “É o pai da Autonomía galega e o responsable de que teña o tratamento de histórica, pero Galicia non se recoñeceu como os gobernos vasco e catalán porque Castelao morreu no ano 50 e con el amoleceu a reivindicación por Galicia; nin sequera se tivo en conta o seu papel nese Goberno cando se repatriaron os seus restos que descansan no Panteón de Galegos Ilustres”.
Comparte 80 aniversario a publicación de “Sempre en Galiza”, unha obra de referencia de Castelao, considerada o testamento intelectual e político da súa xeración, segunda efeméride recollida na exposición tamén con fondos da Penzol. Nun dos catro expositores atópanse varias edicións: a primeira, publicada en Bos Aires; a segunda, de 1961, con dous capítulos engadidos coa revisión feita polo autor antes de morrer ou unha en miniatura e en papel cebola, pensada para entrar en España de xeito clandestino. “Comezou a escribilo no primeiro desterro coa Primeira República en 1934 e continuou en tódolos seus exilios, sobre todo en Nova York, onde estaba nunha misión de propaganda e sorprendeulle o final da Guerra Civil, cando logra instalarse en Bos Aires remata o libro”. Presentouse na capital arxentina nunha comida á que asistiron 3.000 galegos. “Reivindica a Autonomía, fala da República Federal e foi un visionario coa Unión Europea”.
Catro cadernos con manuscritos e debuxos de Castelao, informes do Partido Galeguista ou cartas completan os documentos que conforman a homenaxe da Fundación Penzol ao Consello de Galicia e a obra cumio do primeiro presidente do Goberno galego.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Condado/Paradanta
El arte urbano cambia la estética del IES de Salvaterra
Elecciones en Extremadura
Cerca de 900.000 extremeños están llamados a las urnas