Xanma Louro, de The Rapants: “Sempre foi complicado dicir que tocamos. Somos un guiso, abertos a todo”
“Imos a Castrelos coa idea de estar a altura do que aconteceu na presentación do disco no Sar”, sinala o cantante e guitarrista de The Rapants
The Rapants tocará o día 16 deste mes en Castrelos dentro do formato festival, no FNAC Live Vigo. O seu cantante e guitarrista, Xanma Louro, compartiu con Atlántico o momento no que se atopan, despois de se converter nunha banda revelación en 2018 coa súa actitude despreocupada e chea de enerxía. Xanma forma con Samuel (cantante e guitarra), Matías (baixo e sintetizadores) e Xaquín (batería), a agrupación de Muros que revolucionou o panorama musical galego.
Pecharán o verán no auditorio ao aire libre o domingo 16 no FNAC Live Vigo. Condiciona este formato o espectáculo que queren dar?
O espectáculo, como sempre, estará condicionado polo tempo que nos dean para actuar. Ao ser varios grupos, temos un espazo máis limitado. Imos coa idea de estar a altura do que aconteceu en marzo no Sar. Queremos ofrecer o show completo que estreamos para o concerto de presentación do novo disco. Saíu tan ben, estivemos tan conectados, que queremos repetir todo o que sexa posible, tamén a escenografía e o mesmo set list.
Tanto lles marcou esa actuación no pavillón do Sar?
Foi especial, pero penso que tanto para nós, como para o público. A partir dese concerto, fómonos soltando coas cancións e desfrutando máis nos directos. Foi unha noite espectacular, actuamos ante unhas 6.000 persoas para presentar “Rapants Club”, o noso cuarto disco. Estivo moi ben.
Definir a música de The Rapants non é doado, aínda que as comparacións non faltan, dende Terbutalina, de Esteiro, ata sons máis internacionais como The Smiths ou The Growlers. Cal é a presentación que escollen?
Sempre foi complicado dicir que tocamos. Somos un guiso. Comezamos facendo un son máis de garaje, aínda que tamén tirábamos un pouco de indie, algo de pop e por suposto hai electrónica. Pero é certo que todo iso vai mudando. Como grupo non escoitamos a un cantante ou a unha banda concreta. Gústanos a xente de aquí e estamos abertos a todo. Non descartamos nada.
O seu último traballo, “Rapants Club”, está a ter moi boa acollida e críticas positivas. Que retorno lles chega?
Creo que os discos valóranse mellor cando se leva un ano xirando e este aínda saíu apenas hai uns meses. Ao tocar apréndense as cancións, a súa sonoridade e como están máis a tono. Xa compostas e gravadas, a producción segue, continuamos a traballar nelas. Todos xuntos imolas modificando nos directos, cada vez que as interpretamos. Decidimos onde se meten as guitarras, como vai a melodía. Trátase desa química que temos os catro que fai que avancemos a pasos axigantados. Estamos moi conectados.
Como se sinten no cartel do festival? Haberá algunha sorpresa sobre o escenario?
Nós somos os infiltrados do cartel, os únicos que non tocamos na casa. Eladio es un histórico da música galega co seu grupo, é un gusto compartir festival con eles. E con Fillas de Cassandra xa coincidimos innumerables veces, tantas que ás veces ata parecemos do mesmo grupo.
Algún consello para os fans que acudan ao concerto, último do verán neste auditorio?
Que a xente veña preparada, que xa coma antes de saír de casa. Vai ser unha noite moi intensa en Castrelos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar