A voz do cine das novas xeracións
A directora viguesa Anxos Fazáns participou no Programa Rueda da Academia de Cine coa proxeción do seu film “As liñas discontinuas”, un diálogo coas preocupacións da mocidade
A directora viguesa Anxos Fazáns dialogou onte co público no Marco con motivo da proxección de As Liñas Discontinuas, nunha sesión que confirmou a boa acollida dun filme que fala do presente e que conecta coas inquedanzas das novas xeracións e mocidade. Nunha sala chea, a cineasta puxo en valor o papel deste tipo de eventos como o organizado esta semana pola Academia de Cine, Programa Rueda, como espazo de conexión coas novas xeracións.
“A verdade que moi contenta, porque a sala estaba chea”, sinalou Fazáns, destacando a intensidade dun pase no que o público recoñeceu tamén a súa propia realidade na pantalla. Nese sentido, sinalou que “sempre é un gusto ver que o público responde”.
A directora explicou que prefire non condicionar a experiencia previa do espectador, deixando que a obra fale por si mesma. No caso de As Liñas Discontinuas, producida por Sétimo xunto á súa socia Silvia Fuentes, trátase dun proxecto desenvolvido ao longo de varios anos, desde arredor de 2018. Rodada en Vigo, a película convértese tamén nun espello da cidade, onde moitos espazos son recoñecibles para o público local, xerando unha conexión emocional inmediata.
Esa proximidade territorial enlaza directamente coa súa mirada creativa, que se move entre a ficción e a realidade contemporánea. “Sempre fago ficción, sempre invento mundos e historias”, explicou Fazáns, aínda que matizou que esas historias nacen de preocupacións reais e compartidas. “Sinto desde aí un certo compromiso social”, engade, deixando entrever unha forma de entender o cinema como reflexo sensible da súa xeración.
Nese sentido, a película pode lerse tamén como unha radiografía emocional das novas xeracións, das súas tensións e formas de habitar o mundo. Sen pretensións didácticas, o filme sitúase nun territorio onde o persoal e o colectivo se cruzan de maneira natural.
Fóra da presentación, Fazáns falou tamén do seu traballo actual en Sétimo, onde continúa desenvolvendo novos proxectos audiovisuais. “Estamos con moitos proxectos en distintas fases”, explicou, incidindo especialmente no labor de acompañamento a outras creadoras no desenvolvemento de guións. “Traballamos moito no desenvolvemento”, resumiu, avanzando un futuro de novas historias que seguirán ampliando esa mesma mirada xeracional que atravesa a súa obra.
Contenido patrocinado
También te puede interesar