De vocación: ter unha libraría

Alumnos de Fundamentos do Galego, do IES Álvaro Cunqueiro, homenaxearon a Gonzalo e a Maribel, os abastecedores da súa biblioteca, que levan máis de 40 anos con Cartabón

Maribel e Gonzalo, libreiros de Cartabón, xunto a Malores Villanueva e algúns dos alumnos ante os que falaron no IES Álvaro Cunqueiro.
Maribel e Gonzalo, libreiros de Cartabón, xunto a Malores Villanueva e algúns dos alumnos ante os que falaron no IES Álvaro Cunqueiro. | Vicente Alonso

“Estamos abraiados. Nunca tal cousa nos pasou. Non estamos afeitos a estas homenaxes. Facemos as cousas polo amor que lle temos aos libros, pero sen agardar recoñecementos”. Maribel Tato e Gonzalo Pérez, propietarios da Libraría Cartabón, amosábanse emocionados onte, á súa chegada á biblioteca do IES Álvaro Cunqueiro, en Coia, onde convertéronos en protagonistas.

Os alumnos de Fundamentos do Galego, a materia alternativa a relixión, ían sentando na biblioteca, mentres os homenaxeados non lle quitan o ollo aos andeis cheos de libros. “Gústanme as bibliotecas escolares, sobre todo as xestionadas polo ensino público. Amosan interese polos libros, por ensinarllos aos rapaces e manter os fondos actualizados”. Maribel non deixa de observar, quedándose cos títulos que asoman dende os estantes que rodean á estancia. “O labor dos seus responsables é moi importante para a cultura. Non é só un depósito de exemplares, hai que saber escoller os libros e saber que recomendar”, engade en declaracións a Atlántico.

“A min como libreiro sempre me chamou a atención o xeito de codificar os títulos. Gustaríame saber se teñen algún truco, que sistema seguen para atopalos. Nós temos verdadeiros problemas para localizar os mellores títulos. É unha cousa horrible”. Gonzalo recoñece que dos arredor de 30.000 títulos que teñen en Cartabón é complicado facer unha composición mental.

Coincide coa súa compañeira en que o ordenador axilizou moito o sistema de traballo. Porén, para Maribel non sempre é positivo. “Agora somos máis xestores, antes eramos libreiros de verdade. Tiñamos os prezos na cabeza, pero a máquina quitounos esa capacidade de memoria. Lembro que cando comezabamos, facíamos as fichas de cada libro con moita ilusión, sabíamos os libros que nos quedaban, canto custaban e que descontos tiñas. Hoxe xa non fai falla reter nada, está todo no ordenador”.

Veñen de conmemorar o 40 aniversario da súa libraría. Un ano despois da efeméride manteñen o seu compromiso. “Dende que o principio tentamos ser unha referencia para o libro galego, ser eco da nosa cultura dende o noso recunchiño do Calvario. Case tódalas presentacións que facemos son con escritores da aquí”.

Libreiros experimentados, mantiveron un conversa cos estudantes, aclararon as súas dúbidas e foron agasallados nun encontro moi emotivo para ámbolos dous. Malores Villanueva, titora da materia e organizadora do evento para unha xeración afeita ás pantallas: “Todos teñen lembrazas moi bonitas asociadas coas librarías na súa nenez”. En Fundamentos do Galego traballarán ao longo do curso no achegamento ao mundo do libro con exposicións na biblioteca, coa organización dunha mesa da ciencia, máis tamén prepararán datas fixas do calendario como o Nadal, as Letras Galegas e o aniversario de Álvaro Cunqueiro (escritor que dá nome ao instituto antes coñecido como Coia IV). “Tentamos que poidan falar en galego e ter unha comunicación nesta lingua”, sinala.

Contenido patrocinado

stats