Os violíns volverán a soar na Ría este verán con Encordass
Encordass Fiddle Fest, festival internacional especializado en violín e instrumentos de corda tradicionais organizado pola asociación Galicia Fiddle volve a San Simón. Esta nova edición celebrarase do 3 ao 5 de xullo.
Museo do Mar acollerá o concerto inaugural o 2 de xullo, ás 19 horas. Actuarán con de balde de Scottish Fish, Elias Alexander e Abril. No museo celebrouse onte a presentación do festival con Alfonso Franco, director de Encordass; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia; e Marta Lucio, directora do Museo do Mar. A presentación pechouse cunha actuación dúo vigués de folk Abril, que presentarán o seu novo disco no festival e preparan unha xira por Escocia a finais de xuño.
Encordass Fiddle Fest é un festival especializado no fiddle e a música de corda alternativa. Co violín como fío condutor, explora as conexións da música popular e de raíz en diferentes culturas, fusionando artistas internacionais con música galega. O obxectivo do evento é achegar o violín ao público, desmontando o tópico social que o relega á esfera formal da música clásica e demostrando que é un instrumento accesible, plural e versátil.
Esta edición ten un significado especial ao estar dedicada á música escocesa, unha tradición fundamental para entender a evolución do violín folk en Galicia. Nos anos 80, co nacemento do folk galego, os primeiros violinistas que se achegaron á música popular atoparon en Escocia e Irlanda referentes esenciais dos que aprender unha nova maneira de tocar o violín na nosa tradición. Combinará artistas galegos, como Fernando Barroso, Tonecho Castelos e Pablo Esqueira dúo e Abril; con artistas internacionais como Alasdair Fraser, Elias Alexander, Katie McNally ou Neil Pearlman que achegan diferentes tradicións musicais do ámbito atlántico.
As entradas para os concertos da illa xa están á venda en Entradium, desde os 35 aos 60 euros. Inclúen o traslado en barco para a ida e para a volta desde Meirande. Existen diferentes modalidades de acceso, ademais dun 15% de desconto coa tarxeta xove, pensionistas ou persoas desempregadas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último