Os vigueses que fixeron posible “Cantares gallegos”
ruta por vigo
O investigador Xurxo Martínez conduciu unha ruta para dar a coñecer a historia que levou a que se publicara en Vigo a obra de Rosalía
En 1863, “Cantares gallegos”, de Rosalía de Castro, viu a luz en Vigo, unha cidade que daquela non era a principal sede editorial de Galicia nin contaba cunha ampla tradición letrada. A publicación, considerada o inicio do Rexurdimento da literatura galega, foi posible por unha combinación do contexto liberal, infraestrutura de imprenta e o apoio decidido de varios vigueses dunha burguesía que decidiu actuar como mecenas e impulsar a obra.
Así o explicou o escritor e investigador vigués Xurxo Martínez nunha ruta polo Casco Vello organizada polo Marco e a editorial Editorial Galaxia, coincidindo con que mañá será o aniversario do nacemento da autora. O percorrido detívose en varios puntos da cidade vinculados ao contexto social, político e editorial que fixo posible a edición. “Rosalía se apoiou nos hombros de moitas persoas, figuras que non escribiron nada pero na intrahistoria da publicación deste libro foron moi importantes”, asegurou.
Martínez sinalou que a publicación en Vigo do que definiu como o libro máis importante da literatura galega non se explica pola tradición cultural da cidade, senón polo papel dunha burguesía comprometida co liberalismo. Na rúa Eduardo Chao, o investigador detívose na figura deste vigués, a quen cualificou como un personaxe pouco reivindicado ao ser impulsor da chegada do ferrocarril, plantexar a ampliación do porto, fundar a Escola de Artes e Oficios, dirixir xornais e fundar un banco. Martínez sinalou que Chao, parente de Rosalía pola rama dos Hermida, animou a publicación da primeira publicación da autora, “La Flor”, en 1857, e xogaría un papel clave para ter a infraestrutura que permitiu que “Cantares gallegos” se editase na cidade.
Na rúa Real explicou que Vigo foi referente da loita liberal en Galicia no século XIX, coa instalación da súa primeira imprenta en 1822, séculos despois que outras cidades de Galicia, e que pechou co retorno do absolutismo e ao perder a cidade a condición de provincia que tivo brevemente. En 1840, reinstalouse unha imprenta e xurdiu o primeiro xornal non oficial. En 1847 estableceuse a imprenta de Ángel de Lema, a primeira con continuidade.
A ruta incluíu unha parada ante o lugar onde estivo a imprenta de Juan Compañel, na rúa Real. Martínez explicou que Eduardo Chao e seu irmán Alejandro presentaron a Compañel para imprimir o boletín provincial e con ese diñeiro editaron outro xornal progresista. Compañel, que coñecera a Eduardo Chao en Madrid e casara cunha das súas irmás, xa publicara obras de Rosalía e en 1863 asumiu o risco de editar “Cantares gallegos”. A tiraxe foi reducida, pero a recepción xa nese momento superou as expectativas.
Posible orixe viguesa de “Negra Sombra”
Xurxo Martínez tamén abordou o carácter popular de “Cantares gallegos”, co que Rosalía eliminou a visión negativa ou “atrasada” que había na época de Galicia, convertendo en materia poética aquilo que era considerado “miserable”. Na rúa Oliva, xunto á estatua de Joaquín Yáñez, lembrouse que na imprenta de Ángel de Lema se publicou a primeira crítica da obra. Tamén se parou ante a actual Biblioteca Juan Compañel, que en 1863 era o Casino de Vigo. O seu propietario, José Ramón Fernández, foi citado como outro dos mecenas que apoiou a publicación de “Cantares gallegos”. Máis alá deste libro, Martínez tamén aludiu a “Negra sombra”, poema de “Follas novas” sobre o que hai múltiples interpretacións, unha delas vinculada á obra “Murmullo de las olas”, escrita en Vigo polo poeta Aurelio Aguirre, amigo íntimo de Rosalía, co que comparte similitudes e algúns versos case idénticos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último