A viguesa Begoña Caamaño será a autora das Letras 2026

A Real Academia Galega nomeou a xornalista, falecida en 2014, coñecida polo seu feminismo e militancia no galeguismo

Publicado: 20 jun 2025 - 13:48 Actualizado: 20 jun 2025 - 21:35
A periodista e escritora viguesa Begoña Caamaño.
A periodista e escritora viguesa Begoña Caamaño.

A Real Academia Galega (RAG) dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño (Vigo, 14 de outubro de 1964-Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014). Así o decidiu a institución no pleno ordinario celebrado onte no pazo municipal de María Pita, unha sesión na que tamén se valoraron as candidaturas de Antón Tovar, Miguel González Garcés e Enrique Labarta Pose.

A proposta de Begoña Caamaño foi presentada polas académicas Ana Romaní, Marilar Aleixandre, María López Sández, Margarita Ledo Andión, Chus Pato e Francisco Fernández Rei. Autora de dúas novelas nas que reescribiu os mitos da Odisea e o artúrico, “Morgana en Esmelle” e “Circe ou o pracer do azul”, RAG destacou o seu labor profesional como comunicadora “nun momento en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego”. Apuntou que a lembranza de Caamaño nas Letras 2026 serán “unha festa asomada á contemporaneidade, á pulsión do presente e á ollada feminista que vertebrou o seu pensamento, o seu traballo intelectual e a súa biografía”.

O barrio do Calvario foi o territorio emocional da infancia e da formación na mocidade. Tras estudar o bacharelato no actual IES Alexandre Bóveda (Coia II) e titularse en Maxisterio, en 1986 comezou a exercer como xornalista nos servizos informativos da emisora viguesa Radio Noroeste e tamén traballou, na mesma cidade, en Radio Popular, antes de se incorporar en 1989 á Radio Galega. Na emisora pública formou parte dos servizos informativos ata a súa incorporación ao Diario Cultural, e tamén presentou e dirixiu os programas “Andando a terra”, “Club Cultura” e “Expreso de Medianoite”. Alén da radio, traballou para a Axencia Galega de Noticias e asinou colaboracións en “El Sol”, “A Nosa Terra”, “Tempos novos” e “Novas da Galiza”.

A valoración que fixo a RAG tras debater sobre as catro candidaturas é que “ante o micro ou sobre o papel, Caamaño cultivou sempre a precisión dos datos e da escrita, a consciencia da responsabilidade social do xornalismo, convencida da súa función de servizo público, tanto nos medios públicos coma nos privados”.

O seu currículo complétase coa presidencia do Comité Interempresas da CRTVG e unha das impulsoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación.

“Literatura e xornalismo son na autora instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños”, reza o texto da candidatura aprobada. “A figura de Begoña Caamaño dialoga hoxe cunha parte moi activa da profesión xornalística e literaria, traslada outra experiencia de ambas as dúas. Cómplice dese tecido de voces que é a literatura, coma colchas tecidas con retallos, voz coral na que se recoñece, entrégase á narrativa sen desoír a interrogación da xornalista e a esixencia da lectora”, prosegue.

Begoña Caamaño debutou na madurez como narradora, aos 45 anos de idade, con “Circe ou o pracer do azul” (2009). A este título seguiulle “Morgana en Esmelle” (2012), cuxa publicación cadrou co diagnóstico do cancro que acabou dous anos despois coa súa vida, cando acababa de facer os 50 anos. A súa segunda e derradeira novela foi recoñecida co Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2012 da Asociación Galega de Editores, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa 2012, o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios 2012 e o Premio Losada Diéguez de creación literaria 2013. No arquivo da autora consérvase documentación para os proxectos literarios que tiña en mente no momento do seu pasamento, entre eles unha novela arredor da figura de Sherezade e maila recreación da vida da súa bisavoa.

Letras en Vigo

A cidade viguesa volverá a ser epicentro das celebracións das Letras Galegas, que se estenden máis alá da efeméride que se conmemora o 17 de maio. Como ten o costume da Real Academia Galega, organiza o pleno extraordinario na terra natal dos homenaxeados.

Hai dous anos Vigo xogou un papel importante coa exaltación a Francisco Fernández del Riego, que nado en Lourenzá, fixo vida nesta cidade, ao mesmo que Carlos Casares (Letras 2017), Celso Emilio Ferreiro (Letras 1989), Blanco Amor (Letras 1993) ou Álvaro Cunqueiro (Letras 1991).

Begoña Caamaño será a segunda escritora nada en Vigo que ostentará a distinción da Real Academia Galega. A primeira foi Xela Arias, a poeta a quen se lle adicaron as Letras de 2021.

Amais, en 1998 celebrouse o 17 de maio o legado deixado polos trobadores medievais da Ría, concretando no vigués Martin Codax, en Mendinho, cunha orixe sen definir entre Redondela e Vigo, xunto a Johan de Cangas, do Morrazo.

Contenido patrocinado

stats