Un vigués, primeiro en gañar o Miguel Artola cunha tese en galego

“A destrución dunha sociedade democrática e a formación da sociedade franquista. Vigo 1936-1939”, de Isidro Román Lago obtén o premio da Asociación de Historia Contemporánea

A celebración, organizada nas rúas de Vigo na Guerra Civil pola caída dunha cidade do bando republicano.
A celebración, organizada nas rúas de Vigo na Guerra Civil pola caída dunha cidade do bando republicano. | Arquivo Pacheco

O premio máis prestixioso para as teses doutorais en España, o Miguel Artola, outorgado pola Asociación de Historia Contemporánea e do Centro de Estudios Políticos y Constitucionales, recaeu por primeira vez nunha investigación escrita nunha lingua penínsular diferente ao castelán. Houbo que agardar ata a edición XVII para que un vigués, Isidro Román Lago, cun tema contextualizado en Vigo, gañase cun estudo feito en galego, “A destrución dunha sociedade e a formación da sociedade franquista. Vigo, 1936-39”, da Universidade de Santiago de Compostela.

É o segundo galego en obter esta distinción, detrás de Francisco Jorge Leira Castañeira que en 2019, foi premiado coa tese “La socialización de los soldados del ejército sublevado (1936-1945). Su papel en la configuración del Régimen franquista”, tamén presentada na USC, aínda que desta en castelán. A máis do valor profesional que implica, o Miguel Artola supón a publicación da tese.

480 actos culturais

O seu estudo comeza en setembro de 1935 e compara como mudou a sociedade viguesa trala sublevación militar para comprobar o que mudou e sobre todo o que non mudou, tal e como explica o autor: “O principal de Vigo é que era tiña un capital social moi dinámico que desaparecen cos sindicatos e os partidos anarquistas e de esquerda, pero o que non cambiou foron outras asociacións de carácter cultural que tralo golpe seguiron exercendo como a asociación cultural Martín Códax, cun claro perfil belitista, pero tamén o Círculo Mercantil, a asociación Río Mao, a Filarmónica ou a Asociación Dramática de Vigo, ao igual que os clubes de fútbol amateur que mantiveron actividade”.

Para Román Lago, este é un exemplo da madurez democrática dunha poboación cunha alta capacidade social de autoorganización tanto no sector obreiro como nas zonas labregas das parroquias. “Non só había grupos de música ou teatro, en 1936 en Vigo tamén había asociacións veganas, antivacinas fronte a variola ou espiritualistas, era unha sociedade dinámica que sabía tecer as súa propias redes”. Pon como exemplo a Asociación de Mulleres contra a Guerra e o Fascismo, “moi activa sobre todo en organización de actividades nas sedes de outras agrupacións, souberon conectar máis alá da ideoloxía, reunindo a comunistas, socialistas e anarquistas. Esa era a actitude que había en Vigo, onde en febreiro de 1936 programáronse 480 actos culturais, unha cantidade que non hai agora. Moita desta actividade mantívose, pero sen a autonomía que tiñan na República e utilizadas pola propaganda”.

Tamén houbo eventos que desapareceron ata da memoria colectiva, como “os asaltos”, bailes que organizaban grupos de mozos. “Penso que se podían tratar de bailes celebrados co obxectivo de ligar, pero non quedou recollido en ningures e as fontes orais coas que falei tampouco o lembran”. Mais si que atopou o termo en distintas publicacións como as convocatorias realizadas dende o Centro Orensano, onde animaba aos rapaces a asistir co gancho de “acudirán fermosas mulleres”.

O lecer dos vigueses é un dos aspectos que o historiador analiza para explicar as características peculiares que tivo a represión.

“A resistencia pasiva en Vigo foi maioritaria, pero non parou o exército sublevado”

Isidro Román Lago procura na análise da vida cotiá viguesa as claves que aclaren diferencias na acción franquista. “A represión en Vigo foi tremenda, pero tamén se deron feitos inusuais como que mentres na Guerra Civil en Granada houbo 2.600 fusilados, en Vigo foron 333. Amais de que a cidade granadina estaba preto da fronte e Vigo, lonxe, o certo é que dos líderes sindicais republicanos, un 8% salvaron a vida aquí porque eran imprescindibles para a industria. O normal é que os que fuxiron acabasen mortos, pero os que quedaron, foron detidos, xulgados e se tiñan un oficio especializado, foron devoltos ao seu posto de traballo, tanto na metalurxia, como no transporte eran moi difíciles de sustituir e os empresarios mediaban por eles”.

Isidro Román Lago
Isidro Román Lago

Aínda que actuaban principalmente por interese, déronse casos como un xefe do sindicato dos profesores de orquestra que aparece no 36 entre os traballadores de Barreras. “Eran industrias militares que producían as 24 horas, os empresarios salvaron aos que lles interesaba, pero é certo que aínda queda por estudar o vencello entre o estaleiro Barreras e o anarcosindicalismo e a UXT”.

Tralo episodio confuso que se viviu na Porta do Sol coa proclamación do estado de guerra, o historiador fai fincapé na resistencia non armada defendida polos líderes sindicais. “Vigo levantou barricadas, pero a loita non acabou coa súa caída, convocouse unha folga xeral que funcionara no 33, pero entón a violencia non foi similar. Aguantaron dende o 19 de xullo ata o 11 de agosto, nun momento en que se consideraba alta traizón e conlevaba o fusilamento”. Sinala que esa acción desabasteceu á cidade, sen capturas de peixe e sen leite. “A resistencia pasiva foi maioritaria, pero non paraba exércitos”.

Esta actitude rebelde tamén se aplicou nas campañas de propaganda. “Os sublevados querían que a sociedade se situase ao seu favor, polo que organizaban doazóns ‘obrigatorias’ de poucas cantidades, incluso de céntimos, e os obreiros e labregos non participaban nesas colectas, na que apenas chegaba a aportar o 18% da poboación viguesa, incluido os nenos que tiñan que dar nas escolas”.

Coa súa tese, Román Lago pretende amosar unha nova visión sobre esta resistencia pasiva dos anos da Guerra. “Nese momento era un xeito de loitar, aínda que pode que máis adiante esa pasividade se convertese en aceptación, habería que estudalo”.

Contenido patrocinado

stats