Vigo vindica en feminino o Día das Letras

vigo

O Concello lembrou onte a figura de Antonio Fraguas, homenaxeado este ano no 17 de Maio, e a de Rosalía de Castro para reclamar o recoñecemento do traballo e talento das creadoras e intelectuais galegas

rosé carrera. ViGO

Publicado: 18 may 2019 - 01:51 Actualizado: 19 may 2019 - 03:50

A escritora Anaír Rodríguez procede á lectura do bando oficial do Concello en presenza do alcalde, Abel Caballero, e distintas autoridades.
A escritora Anaír Rodríguez procede á lectura do bando oficial do Concello en presenza do alcalde, Abel Caballero, e distintas autoridades.

nnn A Casa da Cultura Galega foi o escenario escollido polo Concello para celebrar o acto institucional do Día das Letras Galegas. O alcalde, Abel Caballero, boa parte do seu equipo de goberno, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, así como numerosos intelectuais déronse cita para lembrar no só a figura de Antonio Fraguas, o escritor, historiador, antropólogo a quen se lle debe boa parte do labor de recuperación e conservación do noso patrimonio etnográfico, senón tamén a Rosalía de Castro, a autora de “Cantares Gallegos”, a obra coa que rexurdiu a literatura galega. Unha lembranza que tivo moito de simbólico; simbólico para Vigo, xa que a poucos metros, no mesmo Casco Vello, encontrábase a imprenta da Juan Compañel de cuxo prelo saíu o libro de Rosalía o 17 de Maio de 1863 —de aí a escolla desta data para esta celebración un século despois—, e simbólico polo que ten de reivindicación do papel da muller en todos os eidos da cultura galega.

Así o salientou a escritora viguesa Anaír Rodríguez, encargada da redacción e lectura do bando oficial. O acto, que destacou pola súa sobriedade, daba comezo con certo retraso contra as 12.30 horas e arrincaba coa lectura de textos dos dous autores e que abriu a concelleira María José Caride. Quixo a casualidade que até alí chegase a música que, a poucos metros, na Praza da Princesa, interpretaba a Unión Musical de Coruxo, e que non era outra que o Himno Galego de Eduardo Pondal e Pascual Veiga.

Anaír Rodríguez, logo de loubar a Fraguas por ser, tomando emprestadas as palabras de Héctor Cajaraville, “sinónimo de paixón e entrega ao estudo científico de Galicia como territorio, como pobo, como país”, subliñou que este é tamén “o ano das mulleres”, polo que pediu afondar na recuperación do legado das mulleres do pasado e “celebrar o talento de tantas galegas do presente”. Unha apreciación na que coincidiu o alcalde, quen ademais recordou que o Casco Vello viu nacer “o Vigo da modernidade”, en relación á publicación de “Cantares Gallegos” e ao labor de mantemento da lingua e a cultura que un seculo despois desenvolvería a chamara Xeración Galaxia.

“O Día das Letras Galegas é unha forma de sentir, unha forma de pensar”, dixo, para insistir en que “Cantares Gallegos”, dignificou a forma de falar e sentir do pobo galego. n

Contenido patrocinado

stats