Vigo: porto de acollida

Hoxe celebramos a nosa historia e a nosa cultura como pobo. A nosa identidade como galegos

Publicado: 25 jul 2025 - 01:30

Porto de Vigo.
Porto de Vigo.

Esa patria da que moitos tiveron que partir hai anos dende os peiraos deste porto de Vigo, deixando atrás toda unha vida na procura dun futuro mellor. Ese mesmo porto que hoxe os acolle cos brazos abertos, lembrando ter presenciado tantas despedidas.

Hoxe celebramos a nosa historia e a nosa cultura como pobo. A nosa identidade como galegos. Esa patria da que moitos tiveron que partir hai anos dende os peiraos deste porto de Vigo, deixando atrás toda unha vida na procura dun futuro mellor. Ese mesmo porto que hoxe os acolle cos brazos abertos, lembrando ter presenciado tantas despedidas.

Un porto que hoxe é un motor exportador en Galicia. Porque falar de Galicia é falar do Porto de Vigo. Do seu mar, da súa xente. Motor da economía de Vigo e da súa área metropolitana, xerador de emprego e riqueza, o Porto de Vigo soubo adaptarse aos tempos cambiantes con esforzo, dedicación e coa intención de afrontar grandes retos cunha folla de ruta clara: respectar sempre o medio ambiente e coidar a nosa marabillosa Ría de Vigo.

Hoxe é un día moi importante para os que amamos Galicia, Vigo, a súa ría e o seu porto; é dicir, as nosas orixes como pobo mariñeiro. Pero hoxe tamén é un día para lembrar a miles de galegos —fillos, nais, pais e irmáns— que foron separados, deixando terra atrás e, en moitos casos, para sempre.

Nunca esqueceremos que aquelas bágoas que se foron perdendo no horizonte, mesturadas con suor e sal, regaron a historia de Galicia e Vigo e contribuíron, dende o outro lado do charco, a que as sucesivas xeracións recollesen boas colleitas de desenvolvemento e progreso.

Ao longo da nosa historia, moito lle demos ao mar, incluíndo vidas humanas e mesmo familiares que emigraron. Pero o mar e o seu porto tamén nos deron moito a nós. O mar de “ondas, alto, maior” de Mendiño; o mar, “salido, levado” de Martín Códax, de cuxas beiras se pode ter un “muy gran sabor”, como cantaba Xoán de Cangas.

Hoxe, o Porto de Vigo está a converterse no motor da pesca e a alimentación de España e Europa. Somos un exemplo mundial en sustentabilidade e unha infraestrutura esencial para Vigo e toda Galicia, que soubo equilibrar a súa vida cotiá cunha apertura progresiva á cidade. Porque é posible seguir crecendo integrando a nosa comunidade local, sen perder de vista a tecnoloxía e as prácticas sustentables para mellorar a saúde dos océanos e a calidade de vida nas nosas zonas portuarias.

Hoxe, Vigo e o seu porto xa non se despiden, senón que saúdan e dan a benvida a milleiros de visitantes, sen perder de vista o seu pasado. Porque o pasado é historia, e só comprendendo a historia poderemos afrontar o futuro.

Como dixo Mª Carmen Kruckemberg nun dos seus poemas:

A onde fún, tornei a Vigo

de nada pudo o destiño

que tanto quiso entregarme.

Tornei a Vigo lizgaira,

e ninguén pode levarme

Feliz Día de Galicia!

Carlos Botana, presidente do Porto de Vigo

Contenido patrocinado

stats