“Vigo ocupa o lugar que lle corresponde no mundo”

Día de Galicia

Abel Caballero celebrou o Día de Galicia, facendo repaso das melloras que convertiron á urbe na “grande cidade” que é agora, “unha cidade en cor”

O alcalde, Abel Caballero, e o pregoeiro do Día de Galicia, o delegado de Zona Franca, David Regades, onte, na gala nos xardíns de Castrelos.
O alcalde, Abel Caballero, e o pregoeiro do Día de Galicia, o delegado de Zona Franca, David Regades, onte, na gala nos xardíns de Castrelos. | J.V. Landín

“Era un Vigo en branco e negro, que seguía triste ao principio do século XXI. E foi entón cando a cidade decidiu cambiar o seu destino. Comezou unha transformación profunda que a levou do branco e negro á cor”. O alcalde Abel Caballero atopou nas melloras de Vigo o mellor xeito de conmemorar o Día de Galicia, que un ano máis o Concello conmemorou nos xardíns históricos de Castrelos, tres xornadas antes da efeméride oficial.

O goberno local convidou ao delegado do Estado de Zona Franca, David Regades, de quen o rexidor louvou a súa xestión eficiente e resolutiva. “Está a xogar un papel determinante no impulso de este organismo e que sexa un auténtico dinamizador do crecemento de Vigo”. Indicou que merece o maior recoñecemento pola “súa dedicación, compromiso e vocación, proxectou o seu modelo fóra de España”.

Voltando a cidade de Vigo, como referencia en Galicia, Caballero destacou as súas últimas loitas por lograr a implantación da titulación de Mediciña ou por conseguir que sexa unha cidade mundialista. Afirmou que “está no mellor momento económico” e sinalou proxectos como Spark, Indra, a Moi Alta Tensión Eléctrica ou o Perte da automoción e do Naval. Falou do ámbito da cultura coa Rede de Museos, o Marco, a colección municipal de arte galega, pero tamén das máis de 40 corais, das dúas orquestras e das nove bandas de música ou a especial protección ao patrimonio. Entre os chanzos dados en Educación, enorgulleceuse dos 13.000 mozos que participaron en “Vigo en inglés” e non esqueceu o esforzo feito na práctica do deporte e nas súas dotacións, “unha mostra é a Vigo Cup”.

Amais da revolución en mobilidade interna de “Vigo Vertical”, o rexedor tamén lembrou os retos aínda por conseguir: a saída sur do túnel, o AVE por Cerdedo, autovía en túnel ata Porriño ou o Plan de Urbanismo contra a especulación. Pero sobre todo reseñou a aposta polo novo modelo de turismo “de éxito no mundo que consolidou a marca Vigo” con exemplos como o Nadal.

Con todo, Caballero non esquezou os ataques e os que denominou “Blowin in the wind” da administración autonómica, a que acusou de non apoiar á cidade.

“A cidade foi fundada á beira dun verso de Martín Códax, como escribiu o gran fabulador Álvaro Cunqueiro, e baséase no orgullo de ser de Vigo”. A intervención do alcalde foi un canto de amor a Vigo e así reproduciu ata nove posibles titulares distinguindo as bondades da cidade como as bandeiras azuis, as vasoiras de platino, a calidade de vida destacada pola OCU, a escolla como escenario cinematográfico por máis de 40 rodaxes ou a saneamento da súa economía municipal. “Lográmolo desde o liderado e desde a unidade, camiñando unidos, toda a cidade, tendendo a man a toda Galicia con lazos de irmandade”, concluíu o rexedor.

Regades: “Somos unha terra que converte o esforzo en progreso”

“Hoxe celebramos con orgullo unha Galicia que mira ao mundo desde a fortaleza da súa economía, das súas empresas e dunha sociedade emprendedora”, afirmou David Regades, coroando a súa intervención con vítores a Vigo e ao país galego. O delegado do Estado en Zona Franca exerceu de convidado do Concello para “dar voz á celebración”, algo que, según declarou, asumíu como “unha responsabilidade”.

No discurso do pregoeiro, cunha clara orientación económica, defendeu unha fórmula social que afonde en reter talento, en subir os salarios, na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e en contornas de traballo saludables. “Non hai desenvolvemento económico sen desenvolvemento social”, sostivo. Regades apelou ao optimismo “estamos preparados e estámolo demostrando. Só falta que nolo creamos un pouco máis”. Asemade avogou pola colaboración público-privada para atraer empresas referentes na industria sustentable e nas enerxías limpas: “Un exemplo é a nosa pesca responsable, o maior reflexo do coidado do ecosistema mariño”. Contrapuxo a excelencia como valor engadido ao low cost. “O emprego ten que ser tamén de calidade, con bos salarios e condicións laborais”.

Sinalou a Zona Franca como “unha das pezas clave para contruir dende Vigo o crecemento económico de Galicia”. Nomeou á Galicia da automoción eléctrica, da industria aeroespacial, da aeronáutica, da biotecnoloxía e do audiovisual. “Galicia está a transformar a economía, contribuíndo á soberanía europea”, explicou. E se o país xoga ese rol, apuntou que Vigo é o seu motor: “É imparable e esa velocidade aumentou nos últimos 19 anos cun proxecto de unidade colectiva”. Neste punto lembrouse do alcalde Abel Caballero, incluíndoo por dúas veces na súa intervención, e a quen considerou o gran impulsor deste avance.

Non esqueceu as marabillas tanto de Vigo como de Galicia, da súa natureza, paisaxe, gastronomía e patrimonio. Aquí parafraseou a Emilia Pardo Bazán e a súa descripción da Ría, “a mellor de Europa”, así como dos seu pronósticos de Vigo como unha grande cidade, “o moito me engano ou o camiño bouto a andar”.

Regades rematou cunha cita de Castelao, “o verdadeiro heroísmo consiste en transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos”, para engadir que tanto a cidade como país “levan xeracións demostrándoo”.

Música de Marcial del Adalid para abrir boca

“A serenata” de Marcial del Adalid, considerado o pai melodía galega, foi a obra elixida polos músicos da Orquestra Clásica de Vigo para abrir a cerimonia nos xardíns de Castrelos. Baixo a batuta de Manuel Martínez Álvarez-Nava, amenizaron a velada antes da intervención do pregoeiro. Coa invitación aberta a toda a cidadanía, acudiron centos de asistentes, entre os que se atoparon os membros da corporación municipal, autoridades civis e militares como o intendente xefe da Policía Local, Alberto Carballo; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía en Vigo; Jaime Toledano, comandante naval e Óscar Grañas, tenente coronel da Garda Civil. Asemade, fixeron acto de presencia representantes das asociacións locais; a valedora da cidadanía, Lola Galovart e a directora do aeroporto de Vigo, Ana Molés.

O acto institucional durou unha media hora, que rematou coa interpretación do hinmo de Galicia por parte dos integrantes da Clásica. A seguir, o Concello ofreceu un ágape a tódolos asistentes.

Os músicos interpretaron dúas pezas, unha ao comezo e o himno para pechar.
Os músicos interpretaron dúas pezas, unha ao comezo e o himno para pechar. | J.V. Landín

Contenido patrocinado

stats