O Vigo máis combativo na poesía de Darío Xohán Cabana
“Semente de mencer” chega as librarías como unha proposta máis aló dunha antoloxía, coa vocación de render homenaxe o “mellor sonetista” das letras galegas
A memoria e a poesía de Darío Xohán Cabana (Roás 1952-Romeán 2021) están moi ligadas a Vigo, cidade na que traballou durante cinco anos e na que entablou amizade con persoeiros da literatura galega coma Xosé María Álvarez Blázquez ou Xosé Luis Méndez Ferrín. Daqueles principios dos anos 70 consérvanse poemas adicados a folga de 1972 ou o imaxinario combativo da cidade.
Estes recordos voltaron onte á mesa durante a presentación na libraría Cartabón de “Semente de mencer”, unha obra máis aló dunha antoloxía que recollerá en dous tomos, onte presentouse primeiro, toda a obra poética do lucense, incluidos poemas inéditos ou só publicados en revistas e non en libros, na que estivo presente Alexandra Cabana, filla do autor.
A edición, estudo e notas correron a cargo do filólogo Anxo Angueira, tamén presidente da Fundación Rosalía de Castro, quen sinala que “non é unha antoloxía, é unha recolla de toda a poesía publicada en libros independentes, que agora se presenta de forma organizada nun único proxecto”. Segundo explica, trátase dun traballo no que foi fundamental a colaboración da familia, “que permitiu acceder a un arquivo moi completo”.
Angueira destaca tamén a dimensión internacional da formación de Cabana, ao subliñar que “coñecía profundamente a tradición literaria europea, non só a galega ou a española, senón tamén a italiana, a occitana ou a francesa”, algo que, na súa opinión, explica a calidade e variedade dos seus rexistros poéticos. “É, sen dúbida, un dos grandes sonetistas das letras galegas”, engade o investigador. “Darío Xohán Cabana familiarizouse co soneto clásico a través das traducións de Petrarca e Dante, e aplicou ese coñecemento ao galego con un rigor e unha sensibilidade extraordinarios”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar