Vigo e Galicia, de todas e todos

Celebramos o 25 de xullo, Día de Galicia, unha xornada que nos une a todas e todos, vivamos onde vivamos, esteamos dentro ou fóra da nosa comunidade

Publicado: 25 jul 2025 - 04:00
Vigo
Vigo

Celebramos un territorio, unha lingua, unha cultura propia e, sobre todo, o sentimento compartido de ser galegos. Celebramos desde Vigo mirando ao futuro coas raíces sólidas, sen esquecer quen somos e honrando a memoria dos nosos antepasados polas herdanzas recibidas.

Vigo é Galicia e Vigo quere a toda Galicia, unha terra que abraza, que protexe, solidaria, acolledora. Monte, mar, campo, praia… un crisol de paisaxe e cultura onde todas e todos somos ben recibidos. As persoas que nacemos aquí, as que quedamos aquí e as que un día tiveron que marchar buscando un mellor porvir. Da nosa historia aprendemos, por exemplo, a importancia de crecer traballando unidos e de afrontar os retos de forma conxunta.

Vigo, ao igual que Galicia, vive e sente con vocación universal. Somos parte dunha Europa que avanza, unha Europa onde somos referentes en proxectos como o Vigo Vertical, que está transformando a cidade e a súa mobilidade, facendo das nosas rúas un espazo amable para turistas e cidadanía. Seguimos así á vangarda da loita contra o cambio climático con accións como os carrís bici, que atravesan a cidade, ou a recuperación de espazos abandonados como o da antiga liña de tren reconvertida nunha senda verde de uso peonil e ciclista.

Este ano 2025 será tamén decisivo na historia da cidade. Acabamos de aprobar unha ampliación orzamentaria de 72,2 millóns de euros, dos que unha parte importante irán destinados a novos investimentos que mellorarán a vida diaria da cidadanía, humanizacións, melloras nas instalacións deportivas, vivenda, educación... Non é algo illado. Forma parte da nosa folla de ruta na que destaca a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que permitirá liberar solo residencial e ofrecer vivendas de protección a prezos accesibles. No eido industrial, Vigo albergará novos proxectos tecnolóxicos como a fábrica de semicondutores fotónicos (SPARC) en Valadares, ou o Centro de Excelencia Aeroespacial e de Defensa e as empresas da industria aeroespacial lanzando os seus proxectos ao universo.

O último Informe Ardán sinala que Vigo é o motor da economía galega e a comarca máis dinámica de Galicia. Non tiñamos ningunha dúbida sobre esta realidade, que confirman os datos. Sentimos a inmensa honra de seguir levando a panca do crecemento na nosa comunidade. O naval, a automoción, a pesca e, de xeito máis recente, o turismo sitúan a nosa economía como a de maior puxanza de Galicia e unha das de maior dinamismo de España. Unha cidade que medra con forza e ben asentada sen deixar atrás a ninguén porque temos na política social un dos nosos piares. Dignidade e prosperidade camiñan xuntas da man en Vigo.

Este é o Vigo que queremos, para nós e para todo o mundo. Un proxecto de cidade de todos, para todos e entre todos. É a forza da nosa unión a que nos ten permitido experimentar esta imparable transformación cara unha cidade luminosa, onde cabe todo o mundo e que se sinte orgullosa de si mesma. E avanzamos co noso liderado asentado e co obxectivo posto nos proxectos de cidade irrenunciables: o tren de alta velocidade directo Vigo-Madrid por Cerdedo, a nova autovía en túnel a O Porriño e a saída sur. Proxectos cruciais que Vigo necesita para continuar na senda do desenvolvemento, para seguir crecendo.

25 de xullo, Día de Galicia. Máis ca unha data simbólica; unha invitación permanente a mirar cara adiante sen esquecer quen somos. Seguiremos trazando con ilusión os proxectos do futuro de Vigo e, con isto, o futuro de Galicia. Sigamos traballando xuntos por todo o que nos une, pola Galicia de todas e todos. Viva Vigo! Viva Galicia!

Abel Caballero, alcalde de Vigo

Contenido patrocinado

stats