Vigo chora a Pepe Xeito, o seu primeiro 'Cachamuiña'
vigo
“O Carro”, de Fuxan os Ventos, escoitose dende as fiestras de distintas parroquias para lembrar a un veciño querido e coñecido
nnn As redes facíanse eco onte do falecemento de Pepe Xeito (José García López), coñecido por moitos como Pepe ‘Cacha’ por ser quen máis tempo representou ao heroe da Reconquista Cachamuiña. Morreu despois de loitar nos últimos dous anos contra a enfermidade. O estado de alarme obrigou a unha incineración na intimidade, pero moitos quixeron estar coa familia e de xeito simultáneo tocaron “O Carro”, de Fuxan os Ventos. “Era un dos seus temas favoritos, encantáballe”, afirma Patricia González, do obradoiro de costura de Saiáns e amiga da familia. “Ningún dos dous éramos do Casco Vello, pero se nos relaciona co barrio, Pepe era de San Miguel e fora a clases coa miña nai, estabamos moi achegados porque tiñamos uns ideais moi parecidos”.
A última vez que estivo con Pepe foi cando lle encargou un chaleque. “Chamou para felicitarme polo chaleque de Castelao que Amador Arias levou a gala dos Goya, tamén quería un; é moi duro que marche unha persoa tan activa e que aportaba tanto á sociedade”.
Unha das súas últimas aparicións foi o 25 de nadal no enterro doutro referente do Casco Vello, Finocha das Cantareiras do Berbés.
Aínda que era natural de Canido e rexentaba unha froitería no centro comercial 4 de Coia, involucrouse ao cen por cen nas actividades do Casco Vello. “O outro día atopamos unha fotografía de Pepe na primeira representación que fixemos da Reconquista en 1997”, di Fiz Axeitos, que lembra que a partir do 2000 incorporouse á representación e deu vida a Cachamuiña durante unha década. “Paraba a tomar uns viños por un bar do barrio e os outros clientes animárono a participar, dende entón sempre estivo para o que se lle necesitase”. Na representación do ano pasado volveu a vestir de militar nunha homenaxe que fixo a organización da festa aos pioneiros. En febreiro acudíu aos ensaios do orfeón e un domingo fixéronlle unha festa sorpresa, con agasallo incluido, “un chapeo, porque sempre levaba un” e no Entroido nomeárono merdeiro de honra coa placa cunha carouta. “En canto acabe a cuarentena, farémoslle a homenaxe popular que merece”, apuntou Axeitos. Tamén deixa un bo recordo en Coia, onde formou parte activa do movemento por conservar A Bouza. Alí coñeceuno Serafín Otero: “Foi un defensor da nosa terra e da nosa cultura, pero tamén unha persoa solidaria que axudou a moitos veciños de Coia, onde sempre lembrarán o seu sorriso ao frente do seu pequeno negocio, ‘Frutas Xeito”.
Dende o Facebook o concelleiro do BNG, Xabier Igrexas tamén tivo unha palabras: “Vigo é unha cidade enorme grazas a xigantes como Pepe Xeito”.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último