Vigo canta e baila ao son das cantigas populares

A cidade promociona a cultura tradicional galega con foliadas e exposicións para todos os públicos

Foliada das Letras celebrada no Colexio Maristas, con actuacións e baile tradicional galego.
Foliada das Letras celebrada no Colexio Maristas, con actuacións e baile tradicional galego.

Durante esta semana Vigo celebrou con intensidade o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras e á tradición oral. A ETRAD ofreceu actuacións diante do MARCO os días 12, 13 e 14 , nas que participaron as aulas de canto popular, arpa céltica, acordeón, pandeireteiras, corda frotada, así como o coro e a colaboración do alumnado de baile tradicional da AC Traspés.

Onte a Praza do Rei acolleu a actuación da Escola Municipal de Danza e Percusión Tradicional, e pola tarde, o escritor e músico Francisco Castro ofreceu un concerto didáctico na Biblioteca Juan Compañel, onde repasou a historia da poesía galega musicada. Durante todo o mes, estivo tamén aberta a exposición “A música tradicional galega”, cun enfoque especial nas cantareiras.

Nos centros educativos houbo unha destacada participación. Entre outros que organizaron actividades didácticas, o CEIP Pintor Laxeiro homenaxeou as cantareiras cun acto musical a cargo de nais do alumnado e a Escola Traspés. No colexio Maristas organizouse unha gran foliada con xogos, música e baile, na que participaron grupos convidados como Tarambainas e O Fiadeiro. Finalmente o CEIP Ría de Vigo, o IES Coruxo e o Conservatorio Profesional presentaron no paseo da Praia do Vao o proxecto XELA, cunha mostra pública de coplas e materiais audiovisuais recuperados das parroquias de Saiáns, San Miguel e Coruxo.

Contenido patrocinado

stats