Vicente Caramés: “Uns recéns achados en baiona déronnos unha cara descoñecida da escravitude na Ría”
"Non se pode entender a América sen outra base poboacional. Os caiucos chegan de Canarias pola desfeita colonialista do século XIX e XX", din o arqueólogo e conservador do Museo do Mar
Un achado na costa de Baiona abríu a porta a investigación que liga o porto de Vigo co mercado de escravos. Sobre as últimas conclusións falou o conservador e arqueólogo do Museo do Mar, Vicente Caramés, para Atlántico TV, como adianto da conferencia que impartirá hoxe, ás 19.30 horas, en Artes e Oficios no Forum do Instituto de Estudios Vigueses.
Que se sabía sobre este episodio escuro da historia de Vigo?
Ata agora era descoñecido. Se formou parte do mercado escravista dos séculos XVI e XVII, non foi dunha maneira direta, pero sí a través dun contrabando de elementos producidos en Alemaña, sobre todo manillas, unhas pulseiras que se utilizaban para mercar escravos e contrabandear co zucre no retorno, sobre todo do Brasil, de Pernambuco. Nos últimos anos, uns obxectos arqueolóxicos recén achados en Baiona déronnos unha cara da escravitud na Ría ata agora totalmente descoñecida.
No seu momento era unha actividade visible ou se mantiña oculto?
Sabíase que había contrabando de zucre. De feito, está detrás da perda de poder do porto de Baiona con respecto a de Vigo, onde se fan as descargas. Obviamente, Baiona era un porto de realengo e estaba máis controlado. Vigo dependía do arzobispado e tiña máis libertade. Apareceron tamén documentos dos seguros en Burgos, que vivíu unha época dourada cos mercaderes europeos, onde recolle un número importantísimo de buques portugueses asegurados con carga de zucre.
Este vencello cos escravistas descobre outra faceta do porto vigués?
En parte sí, e sobre todo descobre, algo que a historografía ata agora tamén deixou un pouco oculta, que son as relacións que existían entre Galicia e Portugal. Semella que vivíramos de costas e non é así. Galicia e Portugal tiveron sempre vencellos de todo tipo, culturais, e pero sobre todo, económicos. O Miño durante moito tempo non separou. Os galegos participaron nas viaxes de descubertas portuguesas, e os portugueses utilizaron, como non podía ser menos, o noso chan para facer negocios. Eles levaban o estanco da sal, e sobre todo, hai un papel aquí digno de estudio nun futuro, eran portugueses cristiáns conversos, que atoparon aquí refuxio.
Ao longo de canto tempo se mantivo este comercio?
Pódense considerar tres fases na trata escravista relacionada con América, un período moi concreto que abrangue uns 400 anos. A primeira, dende o descubrimento de América, moi vencellada a Portugal, que ocupa os séculos XVI e XVII. A seguinte está máis ligada ao mercado europeo, con Holanda, Francia e Inglaterra, e logo temos nos finales do século XVIII e XIX, de volta toman protagonismo os galegos e os españois. Nesta fase xa hai galegos participando directamente no tráfico de seres humanos dende África ata portos de América.
Chegaron a pasar os escravos por aquí?
Non, polo menos como carga de buques que puideran afondar. En Galicia houbo escravos en torno a 1750, sobre todo en cidades como Coruña, pero de xeito disimulado, porque aquí na Península Ibérica a escravitude sempre estivo mal vista. Durante o tempo, a lexislación, dicía que o escravo que chegaba á España quedaba automaticamente emancipado. Era o de “ollos que non ven corazón que non sinte”. O que acontecía en América ou noutros sitios era unha cousa, pero aquí había outra consideración, se lles chamaba criados. En Coruña, os grandes comerciantes do século XIX teñen criados de raza negra, que é un símbolo de estatus naquel momento.
Queda algunha pegada dese negocio?
A pegada témola no mundo. Non se pode entender a América sen outra base poboacional. Os caiucos chegan de Canarias pola desfeita colonialista do século XIX e XX. Non se pode entender que certos produtos que se consuman en América provintes de África, e o revés, de América. Non se pode entender o mundo realmente sen entender o que supuxo a trafico de escravos, nen o mercado laboral actual, non fondo o traballo, o traballo como hoxe en día o conceptualizamos de ir a un sitio a traballar, nace como substitución do traballo escravo.
Os achados que propiciaron estas investigacións abriron novos campos de estudo?
Estamos todavía en proceso. Creo que nos próximos anos aparecerán moitísimos máis datos. Non é un tema sinxelo, porque dunha maneira ou outra, en cada período, o trafico de seres humanos tenta non deixar rastro. Ninguén está orgulloso dese negocio, ainda que parece ser que vai no noso ADN o de explotar ao veciño. É un labor arduo atopar elementos que consigan darnos datos evidentes, con nomes e apelidos de xente que participou de lugares, de momentos. Cada vez estamos máis cerca de coñecer unha realidade, mais nunca o imos coñecer en profundidade. Estamos revisando a nosa historia, estamos dando importancia a algo que ata agora era totalmente descoñecido.
Contenido patrocinado
También te puede interesar