Viaxe da Real Academia Galega á Ítaca de Begoña Caamaño

A RAG reivindicó a obra da súa homenaxeada e sinalou as outras mulleres das que tería escrito, entre elas a súa bisavoa

Representantes da RAG co seu presidente, Henrique Monteagudo, xunto á presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; a concelleira de Educación, Olga Alonso, a irmá da homanexada, Beatriz Caamaño e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Representantes da RAG co seu presidente, Henrique Monteagudo, xunto á presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; a concelleira de Educación, Olga Alonso, a irmá da homanexada, Beatriz Caamaño e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. | Vicente Alonso

 “Literatura, xornalismo e vida son os fíos de interese que conforman a traxectoria de Begoña Caamaño, autora das Letras Galegas. Non son tres cousas diferentes, son os tres piares nos que baseou a súa obra”. Así, María López Sández deu a benvida ao simposio que onte celebrou a Real Academia Galega no Marco. “Tiña que ser en Vigo, volver ás orixes onde medrou e onde se formou a escritora. Vigo era a Ítaca e a mar de Caamaño”, engadiu en referencia a súa primeira obra “Circe ou o pracer azul”, onde fai unha revisión feminista da mitoloxía grega. Como coordinadora das xornadas, López Sández afirmou que facían “a viaxe do heroe e chegamos aquí cunha reflexión; despois dun ano atopámonos no momento de canonización no que se rachou cos prexuízos da literatura galega. Estamos ante unha narradora que non se mide pola extensión das súas obras, senón pola intensidade das súas dúas únicas novelas que marcaron o punto de partida para que permaneza”.

En sesión de mañá e tarde, o simposio contou coa intervención, entre outros, de Henrique Monteagudo, presidente da RAG, quen recalcou que “coas Letras Galegas non se conclúe nada, ábrense as portas ao coñecemento da autora e das súas obras”. María Xesús Nogueira foi a encargada de dar a charla inaugural na que repasou as conclusións obtidas neste ano de investigación: “Sentíase contadora de historias antes que narradora”; “quería explorar os límites da súa linguaxe” ou “non atopou un modelo feminino na ‘Odisea’ co que identificarse”. Asemade, Nogueira falou dos textos que Begoña Caamaño realizou pola súa petición. “Foron os primeiros textos que escribiu despois do tratamento da súa enfermidade, eran unhas fotografías de viaxes, de como ler polo mundo sen intermediarios”. Publicáronse en “Grial” e tamén formarán parte dunha nova edición que inclúe unha selección de artigos, nos que os académicos quixeron ver unha ensaísta en cernes.

Uns dos temas que se debateron foi que tería feito Begoña Caamaño se a morte non lle chegase tan axiña (morreu aos 50 anos de cancro de páncreas). Tras dar voz a Circe, Penélope e Morgana, Sández sinalou a Ofelia de “Hamlet” como unha das súas protagonistas potenciais. Mais, a súa irmá, Beatriz Caamaño, custodia do seu arquivo, informou de que no momento do seu falecemento, traballaba en Sherezade, das “Mil e unha noites” e na historia da súa bisavoa, Emérita Rivera. Con ela chegou a familia a Vigo, concretamente ao Calvario, o barrio na nenez e mocidade de Caamaño. “Bego sempre estivo moi atenta ás mulleres silenciadas, por iso penso que lle interesaba a historia da nosa bisavoa, non por ser da nosa familia, senón por dar voz ás mulleres das que ninguén fala, as sustentadoras da sociedade”. Para Beatriz, era unha oportunidade de visibilizar unha situación cotiá. “A nosa nai admiraba moito a súa avoa, acompañábaa a moitos sitios, contábanos a súa vida, o mesmo que nos lía un poema ou un libro”.

Beatriz Caamaño, irmá da homenaxeada polas Letras Galegas.
Beatriz Caamaño, irmá da homenaxeada polas Letras Galegas. | Vicente Alonso

Emérita, coñecida no Calvario como ‘Amelia’, chegou a Vigo con 9 anos dende Valeixe (A Caniza), onde vivía de xeito humilde, do que lles daba a terra e unha tenda que rexentaban. Era a máis vella de cinco irmáns e tivo que se pór a traballar cando o pai perdeu todo no casino. En Vigo estábase construíndo o enterramento do Areal e o novo peirao. O seu pai (do quen borraron da memoria ata o nome) viaxou á cidade para vender un cargamento de madeira, pero gastou todo no xogo, incluso asinou pagarés sobre as súas posesións. Aínda unha nena, tivo que saír ao mundo e sufríu agresións. Finalmente, casa con Antonio Rodríguez, un dos fillos da familia na que servía, que foi desherdado. “Parece unha telenovela, aínda que calquera serie tería quedado curta comparado coas cousas que tivo que vivir esta muller, era unha historia que se transmitía oralmente na miña familia, a de Carmiña dos Morenos”. Beatriz lembrouno cun sorriso. Afirma que este foi un ano “marabilloso, que estou vivindo con moita intensidade e orgullo”.

Contenido patrocinado

stats