Vanesa Álvarez: “O meu traballo de oito horas en nova york é ser artista, aquí é máis complicado”
A artista viguesa regresa a Vigo con "Estados flotantes", unha exposición que dialoga entre Galicia e Nueva York e reflexiona sobre a identidade, a emigración e as bandeiras
Vanesa Álvarez (Vigo, 1983), artista da diáspora afincada en Nova York, regresa a terra por vacacións cada ano e faino cargada de proxectos. “Estados flotantes” é a exposición que inaugurou onte na galería Apostrophe (Praza E), onde permanecerá todo o mes. Con tal ocasión, recibiu na sala a Atlántico TV.
Amais de muralista, aquí presenta unha faciana máis persoal.
No último ano tiven dúas exposicións en Nova York, unha en Nacións Unidas e outra nunha galería en Brooklyn. A verdade é que tiña ganas de expoñer na miña cidade en Vigo. Entón Sara e Álvaro, da galería Apóstrophe, ofrecéronme o espazo para poder ter esta mostra.
En gran parte das pezas amósase a cidade dos rañaceos.
Si, de feito este primeiro tramo da exposición é unha obra que estou facendo en papel, “Cartas de amor a Nova York”. Apetecíame traer a paisaxe de Nova York aquí. Cando pinto alí, sempre me din que as cores e as formas lembran a Europa, a Galicia e a Vigo. Entón decidín facer o contrario, traer un pouquiño de Nova York a Vigo.
É unha abstracción figurativa cunhas cores moi identificativas co estilo Vanesa Álvarez.
Creo que esta primeira parte de obra, que é en papel, é a que é máis figurativa e entendible de todas. No resto, voume indo cada vez á unha abstracción máis dura.
Como lle influíu a súa estadía en Nova York á hora de crear?
Inflúe sobre todo a miña relación coa arte nas dúas vertentes que teño, a mural e a práctica de estudio. Co mural son máis figurativa, uso moitas palabras, pero coa práctica de estudio, si que evolucionei a esta abstracción, a un xogo con moito uso da cor e outra forma de expresión.
Tamén amosa nesta montaxe o proxecto de Bandeiras, realizado ao outra beira do océano.
Desas obras ven un pouco o título da exposición, “Estados flotantes”, porque teño esa sensación común aos inmigrantes, de como cambia a relación coa nosa bandeira coa que un se identifica. Os estados flotantes tamén están relacionado con ese lugar no que habita.
E como cambiou a súa bandeira?
Sempre sentín moito a miña bandeira galega, pero a sinto máis. Eu son galega e aínda que me considero española tamén, ás veces, como lle pasa a moita xente, non me noto achegada á bandeira española porque certos partidos se apropiaron dela. Cando cheguei a Estados Unidos, tiven moita envexa sá do gustazo que lles da ir coa súa bandeira por diante. Documenteime para deseñar estas bandeiras, combinándoas con símbolos e cores que rompen esa historia que nos identifica, pero que tamén nos pode illar.
E completa a exposición unha produción realizada en Vigo.
Teño un estudio cunha asociación sen ánimo de lucro, no centro de Manhattan, en Park Avenue. Alí traballo en acrílico sobre madeira, que quería que estivese representada. Pero o envío de obra dende Estados Unidos é tan cara que a fixen aquí.
E como dialogan as obras feitas a ambos lados do Atlántico?
É un diálogo entre esa costa este, como chamo a de Nova York, e a costa oeste, a de aquí. Mostro a distancia que hay entre as dúas a través da simboloxía que uso.
Cre que foi preciso marchar a Nova York para reivindicarse como artista?
Coido que si. Adoro Vigo, e teño moita sorte, porque sempre que veño pinto aquí en “Vigo Cidade de Cor” e argañamos cousas como esta exposición para seguir estando en contacto coa terriña. Mais vivir en Nova York posibilita que o meu traballo de oito horas alí sexa ser artista, pintando murais e vendendo obra de estudio con curadores. Alí é todo moi distinto, é outro ritmo. Se vivira en Vigo por suposto seguiría creando, pero sería moitísimo máis complicado que fora o 100 por cen do meu salario.
Ten data para unha volta definitiva?
Por agora estamos moi a gusto alí. Sei que coas noticias políticas custa un pouco entendelo, pero Nova York é unha burbulla dentro dos Estados Unidos. Temos este novo alcalde marabilloso, Mamdani, co todos nos sentimos moi seguros. Por agora nos vemos alí, pero as cousas poden cambiar moi rápido.
Síntese a ameaza de Trump?
Por suposto, pero Nova York é unha burbulla, resilente. Ten un alcalde increíble e coa victoria do Mundial e a festa do Orgullo que acaba de ser, hai un grande optimismo na cidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar