A UVigo entregou a súa medalla de ouro á Editorial Galaxia

Este é o o máximo recoñecemento da institución viguesa, que non se entregaba dende 2006

Manuel Reigosa e Antón Vidal Andión, tras a entrega da medalla.
Manuel Reigosa e Antón Vidal Andión, tras a entrega da medalla. | J.V. Landín

Por ser unha entidade comprometida cos valores do galeguismo, o pluralismo e a tolerancia; por facer da lingua e a cultura galegas a súa razón de ser. Por todo isto e outros moitos argumentos, a Editorial Galaxia recibiu onte a medalla de ouro da Universidade de Vigo, o máximo recoñecemento da institución viguesa que non se entregaba dende 2006, cando se lle concedeu á Fundación Barrié de la Maza no 30 aniversario da Escola de Enxeñería Industrial.

O presidente da editorial, Antón Vidal Andión, afirmou que a maior compensación de Galaxia é “o convencemento de que contribuímos decisivamente ao rexurdimento da nosa cultura na segunda metade do século XX ata a actualidade, ao rexurdimento da nosa conciencia de pobo con personalidade propia”. Lembrou tamén que Galaxia non foi allea á creación da UVigo, “con quen dende o inicio mantivo unha relación de recoñecemento mutuo”, destacando o nomeamento como doutores honoris causa a dous fundadores, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla.

Pola súa banda, o reitor, Manuel Reigosa, lembrou que a Universidade de Vigo desde a súa creación quixo sempre apostar por unha sociedade “aberta, plural e democrática”, e desde os seus alicerces tivo claro, igual que o fixera Galaxia, que Galicia tiña que facer un rexurdimento, o que, desde o seu punto de vista, non só significa coidar dunha “herdanza fantástica, a nosa lingua e a nosa cultura, que estivemos a piques de perder”, senón tamén seguir traballando, “forzar a máquina”, para nestes intres complicados para o idioma “facer as cousas mellor”.

Contenido patrocinado

stats