O universo creativo de Pilar Alonso, da intimidade á exhibición

“Non Fun. Sobre o ser e o estar dunha muller artística” accedeu por concurso ao programa expositivo da Casa das Artes, onde permanecerá en sala ata o 3 de agosto

A artista viguesa Pilar Alonso, na peza “Un bel Di Vedremo”, na exposición “Non fun” en Casa das Artes.
A artista viguesa Pilar Alonso, na peza “Un bel Di Vedremo”, na exposición “Non fun” en Casa das Artes. | Vicente Alonso

Cada peza de “Non fun” está pensada para o seu lugar. Pilar Alonso xoga co espazo e co concepto na nova exposición na Casa das Artes. “É unha escolma de moitos traballos que fixen e que fago, veñen a confirmar a miña teoría de que a creatividade non ten nin tempo, nin espazo, as obras expándense tanto nas paredes como no meu maxín”. A artista seleccionou pezas dende 2009 ata 2025.

Contrapón a intimidade coa exhibición que se corresponde co cambio de funcionalidade do edificio dende que era o Banco de España, un sitio pechado para gardar cartos ata agora, una sala onde amosar arte. “A vida do artista tamén xoga moito con iso, con agocharse ou mostrarse segundo o momento da creación”.

Ao primeiro golpe de vista engancha o derroche cromático, o que semella un optimismo non sempre presente. “A miña vida está tinxida pola miña creatividade, polo meu mundo interior e polo meu perímetro”.

Entrar na exposición “Non fun” é deixarse en envolver polas pezas e as instalacións que recrean microespazos. “Tecnicamente gústame a pincelada moi longa coa que proxectar ese mundo interior que pasa dalgún xeito a ser real. Veño da tradición das pinturas de Pompeia, onde o visitante lévase por pequenos corredores”. Propón cortinóns, cofres, estancias ocultas que promoven o ollar curioso. “El jardín interior de Cándida Standwick”, de “El cubo de Joana”; “A través” o “Entre bambalinas”, de La Diva; “Entre visillos. El sol de la siesta” ou “Renderizado” de Las Desatadas; “La Casita Roja”, “Un Bel Vi Vedremo” e “El sol siempre sale todos” forman parte das series incluídas na exposición, onde a presencia da muller é constante nunha reflexión sobre a identidade. Instalacións, pintura, escultura, fotografía ou vídeo son algúns dos formatos escollidos para presentar a súa obra. “Vivimos nun momento de moitísimos soportes, porque os dixitais tamén viñeron a ter cabida. Sempre tiven claro que nunha peza, unha parte relaciónase co concepto e outra co soporte que se emprega”. Pilar Alonso sinala a peza sonora feita por Kennebec, o dúo musical conformado por Mónica de Nut e Iria Pinheiro. De xeito regular escóitase no exterior conquistando dende o íntimo o espazo público. Coincide cunha peza escultórica que, tal e como explica a autora, “semella que o edificio florecese, que fora un gromo da mesma exposición”.

Os materiais, nobres e humildes, moldéanse ao espazo, tridimensionando o lenzo a través de pregues sobre a parede. Outra vez unha dualidade entre a nenez en Arnoia e nun Vigo que xa non existe, está presente na lectura principal de “Non fun”. Coma os futbolistas, xoga en casa. “É moi emocionante, porque penso que a miña obra é como é porque nacín onde nacín. A estrutura de Vigo está no meu xeito de traballar ás pezas, esas partes rurais que conviven coas partes urbanas da cidade, ao final é a nosa identidade”.

O proxecto de Pilar Alonso foi escollido no novo sistema de programación da Casa das Artes. Dende a reformulación da Rede Museística Municipal, o espazo acollerá unha axenda de inauguración regular ao longo do ano. Selecciónanse montaxes pensadas para as propias características da sala.

En breve, a concellería fará público o calendario de mostras de 2026, xa que o prazo para presentar proxectos rematou o 6 de maio. A ampliación de horario incorporou as mañás dos martes e dos xoves (de 11 a 14 horas), a apertura habitual, de luns a sábado (de 18 a 21 h) e fins de semana e festivos (de 12 a 14 h).

Contenido patrocinado

stats