A Universidade achégase á realidade diaria do Parkinson

José María Cancela exporá os resultados sobre os beneficios do exercicio acuático como complemento aos fármacos

O 30% das persoas que padecen Párkinson non o saben ou ben se lle diagnostica cando xa está moi avanzado.

Publicado: 31 mar 2011 - 20:49 Actualizado: 10 feb 2014 - 12:38
As xornadas celebraranse en Pontevedra o 15 e 16 de abril.
As xornadas celebraranse en Pontevedra o 15 e 16 de abril.

Ante este dato, faise necesaria a organización de actividades que axuden a concienciar sobre a existencia desta enfermidade, como é o caso das VII Xornadas sobre Parkinson, organizadas pola Asociación Párkinson Galicia-Bueu, nas que por primeira vez colabora a Universidade e que se celebrarán en Pontevedra o 15 e o 16 de abril. Como explicou a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, “a nosa institución debe estar unida e comprometida coa realidade social que a rodea, axudando neste caso no estudo desta enfermidade tan estendida nos nosos días”.

A relación entre a Universidade de Vigo e a Asociación Parkinson Galicia-Bueu é froito dun convenio de colaboración asinado en outubro de 2010 e promovido integramente polo grupo de investigación Intervención educativa na actividade física para a promoción da saúde. Capitaneado polo profesor José María Cancela, e grazas á colaboración da asociación, levaron a cabo un estudo que demostra que as actividades acuáticas producen unha mellora tanto a nivel físico como psicolóxico nas habilidades diarias dos enfermos de Párkinson e que se presentará oficialmente dentro do programa das xornadas. “Trátase dun verdadeiro exercicio de transferencia de coñecemento, participando activamente en ámbitos que o necesitan e axudando a que dunha vez as investigacións deixen de gardarse nos caixóns”, engadiu a vicerreitora.

Aínda que desde a asociación xa se tiñan apoiado outras investigacións relacionadas co exercicio físico, trátase da primeira vez que se investiga sobre os beneficios acuáticos na enfermidade e tal foi o éxito da actividade, tanto a nivel de resultados como de acollida, “que a pesar de que rematou o estudo, nós continuamos coa práctica e cada vez apúntase máis xente”, aclarou Rita Edreira, presidenta da asociación. Afondou na necesidade de apoiar e impulsar estas colaboracións “pois como afectados estamos moi interesados en que se avancen neste tipo de terapias que complementen á medicación como a ximnasia e outras actividades máis lúdicas e que melloren a súa calidade de vida diaria”, engadiu.

Contenido patrocinado

stats