Unidos pola facultade de Medicina e polo Mundial

Abel Caballero sinalou que Vigo superou os agravios e que “no noso regreso á Ítica de Breogán non imos escoitar os cantos de sereas, co Vigo actual hai unha Galicia distinta”

O xardín francés de Castrelos acolleu onte o acto polo Día de Galicia en Vigo. No escenario, a pregoira, Rosa Mallo, e o alcalde Abel Caballero.

Abel Caballero volveu facer un chamamento á unidade para que Vigo sega avanzando. Na súa intervención no Día de Galicia, que onte se celebrou nos xardíns de Castrelos, o alcalde afirmou que “esa é a nosa forza”. Asegurou que dende a cidade “non imos escoitar no noso regreso á Ítaca de Breogán os cantos de sereas que son un engano dos que non queren recoñecer que co Vigo actual hai unha Galicia distinta, a que Vigo é quen de liderar”.

Amosouse inflexible na procura de dous obxectivos: a sede do Mundial 2030 e unha facultade para Medicina, “pese a oposicións dalgúns”. Asegurou que “tódalas cidades de España queren ser Vigo porque temos a maior calidade de vida, somos a máis limpa, a que mellor fala inglés, a máis sostible, grazas a un proceso imparable de humanizacións que, no seu día, foron ferozmente criticadas”.

Destacou da cidade que “foi quen de se erguer, construíu un gran presente e reforzarse cara ao o futuro”. Así, o rexedor fixo un repaso polo crecemento económico “coa consolidación da automoción, da construción naval, do puxante ámbito da pesca, do fortalecemento de Conxemar e na nova creación da fábrica de semiconductores fotónicos”.

Lembrou que “nesta travesía comezada hai 18 anos”, a cidade é “máis verde, ten medios mecánicos de mobilidade, vai aprobar un PXOM contra a especulación, enfronta o desafío da auga cunha gran depuradora e corrixe erros do pasado como sepultar baixo formigón as dunas das praias”.

Repasou a programación cultural, coas exposicións de Colmeiro, Laxeiro ou a de Irene Ceballos; as actividades polo centenario de Castrelos, o apoio municipal ás dúas orquestras, nove bandas e coarenta corais.

“Agora Vigo ocupa o lugar que lle corresponde, pasou de ser unha cidade considerada gris e sen atractivo a irradiar cor, enerxía, carácter e solidariedade”, nomeando o Nadal, a Reconquista, o Marisquiño ou Conxemar.

Con todo non esqueceu os agravios, “tentaron pechar o noso aeroporto, deixáronos fóra a Alta Velocidade, obrigándonos a dar unha vergoñenta volta por Santiago, pero xa conseguimos unha redución de tempo, pese ao silencio cando o presidente de Castela e León falaba contra Vigo”.

E asegurou que Vigo non renunciará á autovía en túnel ata Porriño, nin a Alta Velocidade directa a Madrid, nin a saída sur. “É a nosa gran prioridade”.

Por todo iso asegurou que “a nosa identidade, a de Vigo, está a salvo, fortalecida sen límite. Hoxe somos os máis fortes da historia, o que toda España admira, o que resoa en todas partes”.

E así, Abel Caballero concluíu diante de una aforo cheo de representantes de tódolos ámbitos a celebración dun Día de Galiza cun claro carácter local.

“Esto é para as persoas en tratamento por cancro”

Visiblemente emocionada, Rosa Mallo iniciou o seu discurso como pregoeira do Día de Galicia. Tras dar as grazas ao alcalde pola súa escolla, fixo unha adicación moi especial. “Este pregón é para as persoas que están a recibir tratamento contra o cancro, e moi especialmente para as mulleres e os homes que o reciben por un cancro de mama, e tamén para as súas familias”.

A coordinadora da Unidade de Patoloxía de Mama, que foi interrompida por aplausos en varias ocasións, centrou parte da súa intervención ao equipo de oncoloxía “punteiro en investigación, o que permite que moitas pacientes teñan acceso a tratamentos innovadores de forma precoz”. Sinalou que unha vez diagnosticada, “a paciente non está soa”. Destacou “o equipo de multidisciplinar, humano e cunha grande experiencia, con anos de traxectoria que non só sabe facer, senón que sabe escoitar, acompañar e motivar ás pacientes a ser parte activa da súa curación”. Consciente de que tras cada diagnóstico hai pacientes, familias e vidas, asegurou que “organizamos os procesos áxiles, sabemos o que pesa a incerteza”.

Lembrouse das asociacións de persoas afectadas polo cancro, Adicam e AECC, coas que “escoitamos con humildade, aprendemos a observar mellor, a escoitar de verdade, a falar claro e a calar a tempo”.

Dixo que a Unidade de Mama “é máis que un servizo hospitalario, fomentamos a prevención e a investigación”. Defensora da Sanidade pública, recoñeceu que non é perfecta, e non sempre rápida, pero “é a que salva vidas e a que todos debemos coidar”.

Apuntou que “no futuro que construímos dende Vigo tamén ten corazón, batas brancas e mans que curan, a nosa Unidade de Mama consolidouse como modelo de referencia no sistema sanitario”. Dentro da Galicia “diversa e rica que hoxe celebramos, ten unha mención especial Vigo, aquí nacen barcos e ideas, vehículos e algoritmos, naval e automoción, dende o porto ata a universidade, dende a fábrica ata o laboratorio. Se algo nos define, é o noso talento, a nosa aposta polo I+D+i e o compromiso coa ciencia”.

Mais non deixou de dar algúns toques persoais, falando cando nesta cidade naceu “hai moitos anos”, unha nena “moi delgada e inqueda, quen sentía moita curiosidade cada vez que pasaba polos raios X. Creceu, gustábanlle as ciencias, pero tamén traballar coas persoas e co apoio dos pais, decidiu estudar medicina e especializouse en radioloxía. Casou cun ourensán, creando esa simbiose Vigo-Ourense tan común na nosa cidade. Ten unha filla, tamén médica e en maio do 2010 cando se creou a Unidade de Mama en Vigo, aquela nena tivo a oportunidade de formar parte dela. Esa nena era eu”.

Regreso a Castrelos tras tres anos de ausencia

A celebración do Día de Galicia en Castrelos recuperouse tras tres anos sen celebrarse. Foi un acto austero, xunto á lagoa coa actuación do cuarteto de corda da Vigo 430 e interpretou tres temas: “Son de ar”, co que abríu a cerimonia; despois soou “Lela” e para rematar co himno de Galicia. Celebrouse ao aire libre, xunto á lagoa, onde se colocaron as cadeiras brancas e o escenario. Acudiron os edís de tódolos partidos representados na corporación; representantes da Guardia Civil, da Policía Local e da Comandancia Naval; a Valedora do Pobo, Lola Galovart e o seu antecesor, Luis Espada. Tamén asistiron representantes doutras administracións como a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez; a delegada da Xunta, Ana Ortiz ou o delegado de Zona Franca, David Regades e altos cargos como Óscar Vladimir Vallejo, fiscal xefe de Vigo.

Estiveron presentes membros das asociacións de veciños de Sárdoma, Valadares ou Beade, amais de xente do mundo da Cultura como Puri del Palacio, Diego de Giráldez ou o pintor Barreiro.

Tras as intervencións da pregoeira, Rosa Mallo, e do alcalde Abel Caballero, os asistentes compartiron un ágape ao outro lado da lagoa.

Contenido patrocinado

stats