Tui retoma o proxecto para rehabilitar o Teatro Principal

O arquitecto César Portela reuníuse co alcalde Moisés Rodríguez. Cómpre unha nova redacción do proxecto para adaptarse á nova normativa vixente

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, mantivo onte un encontro co arquitecto César Portela para analizar 'a posibilidade de retomar' o proxecto de rehabilitación do Teatro Principal de Tui que no seu día redactara o arquitecto pontevedrés por encargo da Dirección General de Arquitectura do goberno central.

Publicado: 18 ago 2011 - 10:20 Actualizado: 10 feb 2014 - 12:39

Portela y Moisés Rodríguez en su encuentro de ayer en Tui.
Portela y Moisés Rodríguez en su encuentro de ayer en Tui.

César Portela informou ao alcalde tudense das liñas básicas daquela proposta realizada na década dos oitenta do pasado século pero que, no seu parecer, seguen sendo válidas na actualidade, aínda que cómpre unha nova redacción deste proxecto para adaptarse á nova normativa vixente.

Aquela proposta elaborada por César Portela deseñaba xunto á rehabilitación do teatro tudense a creación neste espazo dunha cafetería con vistas ao río Miño e Portugal, unha zona de usos múltiples e unha zona expositiva.

Segundo o Concello, 'cómpre pois agora retomar aquel proxecto para a súa posta ao día', unha iniciativa municipal que César Portela asume con ilusión, pois significa rescatar unha proposta que el mesmo entende de grande interese para a cidade de Tui e para a Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.

Tanto o alcalde de Tui como o arquitecto César Portela (premio nacional de arquitectura no ano 2000) coinciden na importancia de acadar a rehabilitación deste edificio senlleiro do noso patrimonio cultural e que suporía tamén un elemento revitalizador do conxunto histórico pois o funcionamento deste espazo socio-cultural dotaría de novos usos á zona monumental.

Moisés Rodríguez Pérez agradece 'a colaboración' atopada no arquitecto e urbanista César Portela para impulsar esta 'vella aspiración' tudense de recuperar o Teatro Principal, un elemento referencial na historia e na vida cidadán no último século e medio, que agora 'adquire un valor engadido ao responsabilizarse un arquitecto de tanto prestixio como César Portela do seu proxecto de rehabilitación'.

Contenido patrocinado

stats