O tren lírico que cruza China visto con ollos vigueses

vigo

Moncho Iglesias, filólogo, traductor, escritor e profesor, regresa unha vez máis a casa cun libro baixo o brazo, nesta ocasión, de poesía

a. baena. vigo
Publicado: 27 dic 2018 - 01:02 Actualizado: 28 dic 2018 - 03:20
Moncho Iglesias, en Boborás, a aldea da súa familia, horas antes da  presentación de onte na librería Cartabón.
Moncho Iglesias, en Boborás, a aldea da súa familia, horas antes da presentación de onte na librería Cartabón.

nnn Moncho Iglesias (Vigo, 1974), cosmopolita e aventureiro, regresa cada pouco á terra e faino cun novo traballo que presentar. Filólogo e profesor comezou a ser coñecido por ter traducido do hebreo ao galego, entre outros, da obra de Etgar Keret. Agora, docente de español en Bangladés, recolle nun libro, “Tren” a súa experiencia vivindo durante dous anos en China, dende onde visitou o Tibet e Corea do Norte. Entre versos e prosa poética comparte sensacións: “En China as distancias son moi longas e pasaba moito tempo no tren, escribín sobre o que experimentei nestas viaxes a través do que me di a paisaxe”, afirma.

Recoñece que se ben está baseado en vivenzas persoais, non é autobiográfico. Dividido en dúas partes, este e oeste, reflexa o que el ve: “As paisaxes son unha excusa para evocar todo o que me provoca o país, é algo metafórico, a natureza é moi distinta, como tamén o é o xeito que teñen de vivir; é un encontro entre culturas, visto dende os meus ollos”.

Como traductor, recoñécese influenciado pola lírica hebrea, pero ao mesmo xeito que o é da chinesa e das lecturas que lle gustan: “Encántame Salman Rushdie, non é que pretenda ser coma el, pero seguro que me inflúe, o mesmo de Díaz Portela, un poeta incrible que tamén escribe dende fóra e tivo que crear o seu propio idioma”.

Gañador do premio Xohán Carballeira de xornalismo, outorgado polo Concello de Bueu, asegura ter claro a elección de cada estilo: “Cando quero difundir algo, máis alá do que ven os meus ollos, fago unha crónica, pero cando só busco compartir a miña mirada escollo a novela ou a poesía, aínda que os seus lindes son difíciles de delimitar, onde mellor me sinto é na prosa poética”.

Onte presentou “Tren”, de editora Urutau, na librería Cartabón e hoxe fará o propio en Compostela, en Chan de Pólvora.n

Contenido patrocinado

stats