Terras do Miño e Ancares sostibles
A Deputación de Lugo promove a actividade social e económica nestes territorios recoñecidos pola Unesco
A Deputación de Lugo é a entidade que se ocupa da xestión das reservas da biosfera Terras do Miño, a de maior tamaño e a primeira en ser declara de toda Galicia, hai 20 anos, e Os Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, recoñecida no ano 2006. Son dous dos catro territorios da provincia lucense que a día de hoxe contan con este recoñecemento da Unesco, xunto con Río Eo, Oscos e Terras de Burón e Ribeira Sacra e Serras de Oribio e Courel.
O modelo de xestión deseñado pola Deputación de Lugo para as reservas forma parte da súa acción política para impulsar o rural e o sector primario e turístico dunha maneira sostible, e axústase ós criterios da Unesco establecidos no seu Programa sobre o Home e a Biosfera (MaB), conxugando a preservación dos entornos naturais co desenvolvemento social e económico.
A Deputación de Lugo leva a cabo diferentes iniciativas co fin de promover a actividade social e económica no territorio. Entre outras moitas medidas, a institución provincial organiza unha programación ao longo de todo o ano de actividades gratuítas para todos os públicos co fin de fomentar o lecer saudable e o coñecemento dos valores das propias reservas. Así mesmo, puxo en marcha o pasado ano unha liña de axudas de concorrencia competitiva por un importe total de 83.000 euros para entidades asociativas sen ánimo de lucro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses co fin de que desenvolvan actuacións e proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das propias reservas.
Entre os proxectos que recibirán axudas neste 2022 atópanse exposicións, estudos e investigacións, accións formativas, creación de material divulgativo, melloras de infraestruturas ou a creación dunha rede agroecolóxica.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último