"Tento que a miña pintura transmita vibracións positivas"

ANTÓN PULIDO, Premio da Cultura Galega ás Artes

Publicado: 06 nov 2021 - 23:29 — Actualizado: 06 nov 2021 - 23:33
Antón Pulido, en el set de la redacción de Atlántico.
Antón Pulido, en el set de la redacción de Atlántico.

Antón Pulido (Amoeiro, 1944), veciño de As Travesas, foi distinguido co Premio da Cultura Galega na sección de Arte. O artista visitou as instalacións de Atlántico TV para comentar este novo chanzo na súa carreira.

O Premio da Cultura Galega é a máxima distinción da Xunta a toda unha traxectoria. E a súa unha vida entregada á arte?

A vida é un camiñar que se vai facendo dende pequeno, unha travesía, e a miña sempre estivo relacionada co mundo da cultura, e co da música e o das artes, tanto escultura como gravado, mesmo da poesía. E aí estamos, o premio é a ese camiñar de toda unha vida.

Ao longo destes anos ten obra en numerosos museos e coleccións privadas, amais de ter exposto a nivel internacional. Quédalle algunha espiña que arrancar?

Sinceiramente non reparei se me queda algo. Sempre pintei porque me gustou pintar; de mozo retrataba aos camiñantes da aldea, aos que Otero Pedrayo chamaba “de bos días e adeus”, porque viñan tarde de traballar no campo e non querían parar con ninguén para chegar a casa. Interesábame pintar esa sensación de traballo, pero tamén de tristeza e melancolía. Os meus primeiros cadros tanto en Amoeiro como na Serra da Martiñá amosa o meu gusto por pintar a paisaxe galega. Ía facer debuxos aos burros no lameiro, e a xente dicía que o mestre está tolo, quería pintar a aldea tal e como era, coas súas cousas íntimas e vitais. Logo xa chegou o expresionismo, sempre co mundo do home e da muller no centro, despois veu fauvismo e o simbolismo, o mundo da cor intensa, e xa agora os meus carmeses na obra máis abstrata que me encanta.

Que importancia ten a cor na súa pintura?

A cor nun cadro é, coa forma, o máis importante; a cor define a un pintor, como eses negros de Velázquez, con esos grises que poucos artistas conseguen. O negro é unha cor moi importante, cando nas miñas clases lle dicía aos alumnos que as súas composicións lles faltaba luz engadían tonos cálidos, pero a luz non está nestas mezclas, está no contraste. O negro é unha cor pouco valorada pero é a máis importante. Oroza ten unha frase que dixo tras visitar unha exposición miña, “¿quién besará la oscuridad? ¿Quién besará la sombra?”. É unha grandísima homenaxe á sombra , o que produce esa contraste.

Na súa Praza das Apertas concretiza o seu uso da sombra?

A Praza das Apertas ten luz pola contraste dos negros. A maioría da cor é negra, pero a xente non a ve, sempre se fixan nas outras tonalidades, pero é o que lle da graza.

Con esta intervención en Peniche é querer facer cidade a través da arte?

É moi importante dicir Peniche, xa que é única referencia que pervive na zona, chámase a Praza das Apertas de Peniche para integrar aos veciños na praza. É levar a arte á rúa, era unha esquina moi deteriorada e foi darlle luz, enerxía positiva. Os veciños quedaron moi contentos, aínda que era unha arte abastracta, comparte a alegría de vivir matissiana. Nunha viaxe a Munich visitei unha colección particular que tiña “A alegría de vivir”, de Matisse. O meu obxectivo é reflexala. Tento que a miña pintura sexa positiva, que transmita vibracións positivas.

Segue a facer unha laboura constante no seu obradoiro, en que está a traballar?

Estou facendo cadros grandes, de 6 ou 8 metros de ancho. Estou moi contento con esta producción. Pola pandemia algunha exposición quedou relegada, ben por ter que agardar a que acabe ou porque alguna galería pechou; está difícil a difusión da cultura, a xente non acude ou non invirtíu moito, por fin xa está cambiando o escenario para toda a cultura, tamén para os libros e a música. Aínda así, aos pintores veunos ben o parón como xornada de traballo, porque tivemos tempo para pintar. Estes cadros nos que estou, xurdiron así.

Outro dos seus episodios destacados é a dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea. É complicado para un artista programar a obra doutros?

Fun o primeiro director do CGAC e o que máis me preocupaba era que o museo tivese unha gran proxección internacional, para que comezase forte, así contei con Gloria Moure como directora artística. Calquera museo do mundo estaría satisfeito de acoller aquelas exposicións que programabamos, daquela tíñamos un apoio especial tanto dos políticos como da sociedade. Non só na arte, tamén no departamento de música. Co seu responsable, Rodeiro, fomos a comer con Pierre Boulez, do centro de música do Pompidou. Encantoulle todo que estabamos a facer nos xardíns de Bonaval, onde tamén intervíu Boltanski quen dixo que foi das súas mellores exposicións. Naquela época era unha festa da cultura; agora a internet quitoulle protagonismo ao espectáculo da exposición, pero non é o mesmo velo en pantalla que na realidade.

Co labor desenvolvido dende o CGAC e despois tamén dende o Marco, está o espectador máis receptivo ás propostas artísticas?

Agora a ventaxa para os centros de arte contemporanea é que o espectador está máis informado e preparado. Antes só dispuña de libros e das exposicións. Hoxe hai museos virtuais onde coñecer a Sorolla ou ao propio Boltanski. Tamén beneficia á música dando a coñecer compositores como Jonh Cage, con esa sinfonía de 4:33 con músicos en silencio. A cultura vai ben, os museos están a cumplir unha función extraordinaria e hai artistas xeniais, non só polo traballo, os galegos estamos acostumados a traballar, senon tamén porque hai moita imaxinación, o galego é un artista xenial.

Agora que fala tanto da música, que papel xoga na súa pintura?

Está presente na composición, nos abstratos, a través das combinacións das cores, tres amarelos, tres vermellos; tamén lle dou moitas voltas á harmonía, o espectador só ve o resultado final, pero o azul é bonito dependendo da combinación que lle meta, o verde e o azul é difícil pero preciosa, sobre todo cun pouco de laranxa e vermello, moi pouquiño. Gústame facer combinacións diferentes, non as de sempre. Hoxe é máis doado que antes.

Afincado en Vigo dende hai anos, non esquece as raíces ourensanas

Os xornalistas din “Pulido, o artista vigués ourensano ou o ourensano vigués. Son de Ourense, de Amoeiro, a terra do meu querido patriaca Otero Pedrayo que coñecín desde os15 anos. As miñas raíces están en Amoeiro, nas caracochas, na Serra de Martiñán, nos neboeiro e os castiñeiros; logo en Vigo está o canto da mar. Manolo Tena ten unha letra que di “llévame al mar, en las orillas es más facil soñar mirando a las estrellas” e nesto andamos.

Antón Pulido, pintor: "Tento que a miña pintura transmita vibracións positivas"

Contenido patrocinado

stats