Tecendo arte dende a infancia no Día dos Museos

O Marco celebrou actividades para a cativada e para adultos, aproveitando a exposición do vigués Alberto Ardid

Alberto Ardid guiando a exposición.
Alberto Ardid guiando a exposición. | Jorge Santomé

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo sumouse onte á celebración do Día Internacional dos Museos cunha intensa xornada de actividades pensadas tanto para o público infantil como para persoas adultas, tendo como eixo central a exposición “Hai un lugar”, do artista vigués Alberto Ardid.

A programación arrancou pola mañá cos talleres “Paisaxes ao baleiro”, dirixidos á cativada de entre 3 e 12 anos. As sesións convidaron ás familias a explorar a mostra a través da creación artística con elementos da natureza. Rapazas e rapaces recrearon paisaxes imaxinarias inspiradas nas pezas de Ardid, nunha proposta participativa que tamén abriu a porta á implicación dos acompañantes.

Xa pola tarde, o propio artista guiou unha visita comentada á exposición. Durante o percorrido, Ardid compartiu co público as reflexións que dan forma a un proxecto expositivo no que escultura e instalación dialogan arredor dunha visión crítica da realidade contemporánea, aínda atravesada por pequenos sinais de esperanza.

A xornada completouse coa apertura da mostra “Secuencias, paisaxes”, con obras de Jonathan Hernández, Enrique Ježik e Jorge Macchi. O director do museo acompañou ao público nun percorrido pola exposición, que afonda na relación entre arte, linguaxe e actualidade social.

Contenido patrocinado

stats