Sondeseu olla cara ás Cíes entre Arraianos e Beiralúa
vigo
A orquestra de folk ofrecerá un concerto o sábado a prol da candidatura ante a Unesco
Recén chegada de Escocia, onde abríu o festival Celtic Connections, Sondeseu consolida a súa aposta internacional: “O público de Glasgow quedou moi sorprendido porque non se esperaba unha orquestra, coñece a música galega a través de solistas ou grupos de baile, pero non cunha agrupación tan numerosa”, apuntou Rodrigo Romaní, un dos promotores desta experiencia que xurdíu hai 17 anos na Escola Municipal de Música Tradicional, dependente do Concello de Vigo, hoxe a E-Trad. “Foi unha fórmula que naceu espontáneamente e resultou tan atractiva que continúa; comezamos dando pasos infantís e pouco a pouco espertamos o interese de Europa, polo que servíu para exportar o noso modelo”, lembra Romaní. Sinala o incremento que tivo a orquestra, pasando de 20 integrantes a 60: “Hai moita canteira entre os que se incorporan sobre todo da E-Trad, entran moitos e saen poucos, eso danos estabilidade”.
Este sábado Sondeseu actuará de novo na casa. Fárao no Auditorio Mar de Vigo, en Beiramar para apoiar a candidatura para a declaración pola Unesco das illas Cíes como Patrimonio da Humanidade. Chega entre dous discos, “Beiralúa”, que presentou a primavera pasada e “Arraianos”, o anterior, no que contou coa colaboración da leonesa Vanesa Muela, o portugués Luis Peixoto e o asturiano Xuacu Amieva, artistas que tamén estarán neste concerto. “Vigo é o noso universo, quixemos mimar esta actuación e ofrecemos un compendio do estilo que mantivo Sondeseu estes anos, harmonizando a solución orquestral coa contemporánea á hora de traballar os temas, por elo invitamos a mestres de fóra a participar; ademais tocaremos os clásicos galegos como ‘Campana de Bastavales”.
Pero o tema da noite será sen dúbida “San Martiño”, encarga feita polo Concello a Anxo Pintos en 2015 para promocionar a presentación da candidatura das Cíes ante a Unesco: “É a contribución de Sondeseu a esta reivindicación”, puntualizó Rodrigo Romaní.
O acceso ao concerto do sábado é a través de invitacións do Concello, pases que se agotaron ás tres horas de se por a disposición do público.
Contenido patrocinado
También te puede interesar