‘Son un percorredor curioso de Galicia e un entusiasta destas formas máxicas’

O fundador do mítico grupo ‘Luar Na Lubre’ presenta ‘Xeometrías Máxicas de Galicia’, un libro editado pola editorial viguesa ‘Ir Indo’, que trata de recoller toda a riqueza das diferentes simboloxías que poboan a xeografía de Galicia. O libro é o resultado de percorrer Galicia co ánimo dun apaixoado observador destas formas mitolóxicas galegas.

RODRIGO ÁLVAREZ

Publicado: 14 jul 2009 - 11:00 Actualizado: 10 feb 2014 - 12:33

Bieito Romero é un dos fundadores de “Luar Na Lubre”e autor de “Xeometrías Máxicas de Galicia”.
Bieito Romero é un dos fundadores de “Luar Na Lubre”e autor de “Xeometrías Máxicas de Galicia”.

Bieito Romero, músico coñecido por ser un dos fundadores do mítico grupo folk galego ‘Luar Na Lubre’, acaba de presentar o seu primeiro libro chamado ‘Xeometrías de Galicia’, editado pola editorial viguesa ‘Ir Indo’.

De onde xurde a idea de escribir un libro sobre este tipo de xeometrías de Galicia?

A idea xurde da miña paixón pola simboloxía, pola etnografía de Galicia, e pola curiosidade que espertaron en min certas formas xeométricas que dende a cultura castrexa ata hoxe seguen tendo exactamente as mesmas formas.

Con que se vai atopar o lector que merque o seu libro?

O lector vaise atopar cun traballo minucioso de compilación ata hoxe inédito, coa sinxeleza dun autor ‘non erudito’ coma min, coa beleza de todas as formas plasmadas neste libro de coidada edición e co abraio de saber que todo o que nel aparece está no noso país e incluso moi preto das súas casas.

Como pode compaxinar un músico coa súa sona a súa carreira musical coa elaboración dun libro de este tipo?

A música lévame a moitos lugar. Percorrín Galicia e parte do mundo grazas a ela e como son un gran observador, algunha destas formas foi aparecendo en lugares onde eu ía tocar. De todolos xeitos, aparte da música que tamén é a miña paixón, aquí hai moitas horas e quilómetros metidos porque é un traballo moi complexo. Digamos que a música facilítame a vida e permíteme facer cousas de este tipo, que cecais con outro tipo de adicación me sería moi difícil.

Por que zonas viaxou para recompilar información para o seu libro?

Eu teño un arquivo fotográfico de símbolos que sobrepasa as mil fotos. As que están no libro son de Galicia, pero no arquivo teño do resto da península e de outras culturas como a celta, a árabe ou a xaponesa. Son un apaixonado e a cámara sempre ven comigo.

Contenido patrocinado

stats