Tanxugueiras: “Somos tres mulleres empoderadas, cantamos en feminino e levamos ese discurso ás nosas vidas”
Tanxugueiras. Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro
Vigo acolleu este verán tres actuacións de Tanxugueiras, o trío de cantareiras que revolucionou o mundo na música tradicional galega e triunfou alén das lindes. Co gallo do seu concerto en Castrelos, un dos máis multitudinarios da tempada, ofreceron unha entrevista para Atlántico TV dende o mesmo vestiario do auditorio. Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro falaron sobre todo o fenómeno que están a vivir e de como se plantexan a súa carreira.
Esta a ser un verán cheo de bolos e compromisos. Como se atura unha axenda así?
(Aida) A verdade é que levamos uns meses de tolería máxima, con moitísimo traballo. Estamos agradecidísimas, pero temos poucos ratiños para descansar e os aproveitamos. Sentímonos encantadas de poder amosar a nosa cultura e a nosa lingua a tódalas partes de España.
Como mudou as súas vidas tralo Benidorm Fest?
(Sabela) Non cambiou tanto. Temos moitísimos máis traballo, xa tiñamos antes pero agora hai que viaxar dun lado a outro da península e iso leva máis tempo. Despois á hora de saír, se imos por separado, piden algunha foto, pero se estamos xuntas é horrible, xa lle estou collendo algo de manía a saír xuntas, quéroas moito, pero non vou con elas.
Supón unha responsabilidade ser as que lograron rachar fronteiras para a cultura galega?
(Olaia) É unha responsabilidade compartida no sentido de que se estamos aquí, é grazas a mulleres como Mercedes Peón, a Leilía, que dignificou ás pandereteiras, a Guadi Gallego, son tantas, nós non sentimos que descubriramos nada. Logo hai xente moi nova que nos ven como un referente, iso si é unha presión grande porque queres facelo ben. No respecto, á cultura galega, ás veces dá algo vertixe, pero estamos moi ben acompañadas, non hai que esquecer que chegamos aquí grazas a elas.
Como viviron o proceso previo de Eurovisión, toda a polémica que xerou a elección da representante española? Foron moitos os que pensaron que debía ser Tanxugueiras.
(Aida) Foi complicado porque nós levabamos unha carreira de anos e xa tiñamos moito público, mais ao estar nunha plataforma como o Benidorm Fest houbo unha semana onde todo o mundo falaba de nós. Non estabamos afeitas a iso. Tomámolo como unha burbulla, algo que non era realidade. O de verdade é a xente que quere o noso proxecto e queda despois de todo, que é o que está a pasar agora no verán. Vivímolo con moita intensidade, gardamos moi bo recordo e estamos moi agradecidas, xa que chegamos a moita xente que doutro xeito non chegaríamos. A realidade é outra, é o traballo puro e duro para encandilar á xente cos directos.
Veñen de sacar o seu disco “Diluvio”, onde se inclúe o sonado tema “Terra”. Adquire maior sentido agora cunha visión global do traballo?
(Sabela) Cremos que a raíz de que saíu “Diluvio” ao mercado, pódese entender mellor o disco. É un traballo moi pensado, trata sobre pegados capitais. Aprendemos moitísimo neste camiño, das aprendizaxe, dos pegados. Somos todos pecadores? Iremos ao inferno? Haberá purgatorio? Toda unha reflexión que está no disco.
Tanxugueira caracterízase por unha posta en escena moi empoderada, tamén comparte ese discurso o disco?
(Olaia) Non só no disco, ese discurso está na nosa vida privada e na nosa vida pública. Somos tres mulleres empoderadas e queremos empoderar ao resto das mulleres, que nos escoiten, que saiban que podemos ser o que queiramos. Levamos ese discurso nas nosas vidas, cantamos en feminino e a posta en escena é forte como somos nós.
Como evolúen as cancións do disco aos directos?
(Aida) Realmente cambia o xeito de cantar porque somos moi emocionais e depende do día hai temas que interpretamos con máis rabia ou con máis amor ou con menos. Pero o que é vogalmente non cambia moito do disco ao directo, facemos moitas cousas iguais, aínda que collen outra forzo. Dinnos que os temas en concerto son superpotentes, claro, somos cantareiras e estamos todo o tempo a “full”.
Que significa pra Tanxugueiras actuar en Castrelos?
(Sabela) Enfrontámonos a Castrelos como ao resto dos concertos. Todo do mundo fala deste auditorio como algo marabilloso, ver toda esa xente mirando. Saímos con moitísimas ilusión e gana de devolverlle o cariño á xente agardou por nós a plena solana, é cando te decatas do cariño que che dan, gardando para verte tocar dende as catro da tarde.
Para acabar, que mensaxe lle darían as rapazas que seguen a Tanxugueiras?
(Olaia) Tantas cousas! Diríalles que nunca se avergoñen de onde veñen, da súa terra nen do seu idioma. Diríalles que todo suma, que se queiran moito e que escoten o disco coa mente e cos oídos moi abertos. empapándose de cada canción.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último