“O sometemento das mulleres pasa sempre pola negación do seu corpo”

MARGARITA LEDO Premio ‘Pedigree’ de Honor do Festival de Cans

Publicado: 02 abr 2022 - 23:28 Actualizado: 02 abr 2022 - 23:28

Margarita Ledo, que terá a súa propia estrela en Cans.
Margarita Ledo, que terá a súa propia estrela en Cans.

Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) é todo un referente do audiovisual galego. Catedrática e docente na Facultade de Xornalismo da USC, numeraria de Real Academia Galega, Premio Nacional da Cultura Galega (2008) e Premio Otero Pedrayo (2017), conta cunha importante obra literaria e cinematográfica. Esta cineasta, moi vencellada a Vigo, recibiu Premio de Honor Fernando Rey na última edición dos Mestre Mateo. Agora, suma un recoñecemento máis: o Premio Pedigree, a máxima distinción que outorga o Festival de Cans.

Como acolle este novo premio?

Para min é un motivo de grande ledicia. É un festival de proximidade, que acolle as persoas que chegamos de fóra e que mobiliza a todo Cans e toda a bisbarra, e iso conmóveme. Eu defendo moito todo o pequeno. Creo que, se se quere recuperar a racionalidade do mundo, ten que ser a través do pequeno; temos que esquecernos das epopeias globalizadoras. Todos os que pasamos por aí nalgún momento incorporamos un vínculo afectivo co festival. Resúltame unha fórmula moi agradable e estou feliz de poder ir o 20 de maio a participar de Cans.

E disfrutrar da súa estrela.

Si, terei a miña no Torreiro das Estrelas (risas).

Faranlle unha restrospectiva. Como se sinte enfrontándose ao traballo de toda unha vida?

A intención do festival é facer unha retrospectiva das curtas e mediometraxes, daquelas obras que son menos coñecidas. Son obras que estiveron en festivais de poesía nalgúns casos, outras para acompañar un CD como o de “Herdeiras” de Carmen Penim, outras son agradecementos especiais… É toda esa obra, digamos, pequena, con diferentes texturas, con diferentes motivos, pezas todas moi diferentes pero que me representan moito e dan idea do traballo que fago. Teñen tamén a muller como un dos eixos; aqueles temas non tratados ou borrados, que temos dereito a recuperar, están aí nestas obras. Cadra moito coa filosofía do festival.

A súa última longametraxe, “Nación” (2020), enche un valeiro sobre o tratamento da muller como traballadora na industria, neste caso das traballadoras da fábrica de louza de Pontesa.

Exacto. Parece que filmar o seu traballo entrou moi tarde no cinema e no noso aínda máis. O papel da muller na industria está moi ligado ao seu rol de xénero; sempre estamos a falar da muller na conserva, no téxtil, na louza, e non do que significou para elas acceder a un salario por primeira vez, esa independencia que che da “poder pagarte por primeira vez un gin tonic” como se di na película. Ten como contrapartida feliz o momento, que a min me interesa moito, no que as mulleres se reúnen na fábrica e comezan a crear iso que agora chamamos ‘sororidade’, a facer reivindicacións moi elementais, como un economato, unha hora para dar de mamar. Van indo cara adiante até chegar a solidarizarse con todas as loitas da comarca e do que estaba pasando neses momentos en Galicia. Están dando un exemplo do que é a muller como cidadán de pleno dereito, dereitos que, cando se volven pechar na casa, perden.

Fóra desta película, o tratamento da loita obreira da época de Pontesa céntrase, non entanto, nos estaleiros, na reconversión industrial. Esquecéronse delas?

E que non se reflexiona o suficiente sobre o que é o patriarcado. As loitas e a épica parece que son masculinas e a feminina desaparece coa expulsión delas do traballo. Neste sentido é de xustiza dar a coñecer o seu papel. A película trata todos eses aspectos que se nos borraron, como o tipo de represión sexista ou o papel das relixións no sometemento das mulleres en calquera parte do mundo, no noso caso a relixión católica, que é determinante para convertirlas en personaxes subalternas. Todo isto late neste filme, que está a ter moi boa acollida. Acaba de estar en Bruxelas e en todos os lugares se recoñe as estas mulleres.

E o título de “Nación” é unha revindicación da soberanía dos nosos corpos?

Exactamente. Todo ten que ver coa soberanía dos dereitos, dos corpos. Os corpos utilízoos sempre como un documento máis, coma un arquivo da propia experiencia que se transfire dunhas mulleres a outras, duns corpos a outros. A palabra ‘nación’ é moi polisémica, ten milleiros de significados, pero realmente é a idea de igualdade, da conquista dos dereitos e dos corpos. O sometemento das mulleres pasa sempre polo corpo, e xa non falemos dos feminicidios e os modos máis radicais de exterminio. Desde o adulterio, os métodos anticonceptivos, a condena por aborto… Pasa todo pola negación do corpo das mulleres. E na investigación tárdase anos en aparecer respostas médicas para as mulleres. Son corpos de usar e guindar.

Como cineasta, como ve a situación da muller no sector do cinema?

Estamos diante dun xiro. Por unha banda, as mulleres xa son conscientes da súa ausencia en moitos dos oficios do cinema e xa empezaron a furar aí. Xa hai mulleres directoras de fotografía, en montaxe… A grande ausencia era en guión-dirección e nestes momentos temos un número significativo de mulleres a dirixir e isto xa non ten volta atrás. Sobrepasouse a redoma e, ademais, están en todos os ámbitos: no cine experimental, no documentario… É un momento moi alentador e moi rico en expresións. A marca do cinema en feminino atrae moito as mulleres e a muller aos centros das tramas. Iso vai dar un xogo espectacular, coido que en moi pouco tempo.

Aínda que a “Nación” quédalle moito percorrido, con esta película péchase un ciclo? Está traballando xa nalgún novo proxecto?

Péchase unha tetraloxía. Tiña a Triloxía do Século XX, que fora presentada así, con “Santa Liberdade” (2004), “Liste, pronunciado Líster” (2007) e as mulleres que emigraron soas con “A cicatriz branca” (2012) e de súpeto fago isto, que está dentro do século! Teño un proxecto, anque non tiven tempo aínda para empezar a labralo. Ten tamén a muller como centro, quedoume na pel esa marca. É unha historia sobre asumir a decisión dunha maneira absoluta e os seus riscos. É un paso máis no que moitas mulleres fixeron ao longo da historia e na actualidade. Ten o título eventual, que antes pode ser o dunha publicación na que traballo, pero non me importa adaptarme a min mesma (risas), que se chama “Prefiro condenarme”.

Contenido patrocinado

stats