“A sensación dominante en Angrois é o esquecemento”

vigo

Lentes Diverxentes presenta hoxe no colexio Salesianos o documental, finalista nos Mestre Mateo, sobre o accidente do Alvia

ana baena. vigo abaena@atlantico.net

Publicado: 19 mar 2015 - 01:49 Actualizado: 20 mar 2015 - 02:30

Lentes Diverxentes volven a Angrois para ver que queda do accidente do Alvia.
Lentes Diverxentes volven a Angrois para ver que queda do accidente do Alvia.

nnn Coa perspectiva dun ano, o colectivo audiovisual Lentes Diverxentes regresou ao esceario do peor accidente ferroviario da historia de Galicia, Angrois, onde o 24 de xullo de 2013 estrelouse un Alvia. Rexistráronse 81 falecidos e 140 feridos. Baixo o título "Angrois no esquecemento" presentan hoxe, no colexio Salesianos, ás 19 horas, as impresións que os implicados teñen dos feitos contados en primeira persoa.

"Recollemos varias voces que confluíron alí ese día, os servizos de urxencia, os veciños, as vítimas, os seus familiares; que con certa distancia e tempo para madurar o acontecido e asumir ás perdas, falan das súas sensacións", indica Emilo Carral, que xunto a Susana Recouso, é o responsable do guión e da dirección.

Engade que "foron eles os que levaron o documental onde quiseron". Sen voz en off, a través dos seus testemuños se fai un repaso ao acontecido, algúns en ton de reivindicación, outros a modo de crónica. "Non foi nada premeditado, deixámonos guiar polo que eles contaban", puntilizou. O título fai referencia á impresión que máis se repetía entre os implicados: "A sensación dominante en Angrois é a de esquecemento, converteuse en fío conductor da gravación, xa que todos falaban do mesmo; para uns era un desexo que non lograban e para os que se organizan en plataformas, a resposta que recibían das administracións".

O que comezou como unha reportaxe pequena polo primeiro aniversario do accidente do Alvia converteuse nunha palestra onde os verdadeiros protagonistas puideron sincerarse. Nos últimos Premios Mestres Mateo, "Angrois no esquecemento" foi un dos catro finalistas.

O colectivo Lentes Diverxentes ten como obxectivo contribuír ao cambio social sacando a luz os problemas contados por quen os padecen. Chega a Vigo invitado polo Sindicato Ferroviario Intersindical. Trala proxección, abrirase unha mesa de debate: "É unha proposta difícil, seguro que hai un plan mellor para o xoves pola tarde, pero o mensaxe final ten algo de optimismo", sinala Carral.n

Contenido patrocinado

stats