A Señora do Alba contra a guerra e os incendios
A primeira romaría do monte en Valadares acolleu a numerosos fieis que acompañaron á imaxe ata a ermita
“A Asunción é a festa do encontro, o encontro de María co seu fillo, a primeira glorificada en corpo e alma, pero tamén é a festa do encontro social cos familiares e cos amigos e a resposta as distintas motivacións que vos traen ata aquí, promesas e ofrendas”, dixo o párroco de Valadares, Ángel Bastos, aos fieis que onte seguiron a misa na ermita do Alba. A primeira hora a imaxe da Virxe foi levada en procesión dende a igrexa parroquial á súa estadía veraniega na primeira das tres romarías do Alba. No seu sermón fixo un chamamento polas vítimas da guerra e dos incendios, pedindo sensibilidade e responsabilidade.
A de onte foi a festa do camiño na que a misa con maior afluencia foi a das 10.30 horas, a primeira no monte, para despois ir diminuíndo en asistencia. Ao mediodía saíu a procesión, acompañada polo grupo de gaitas Arume, de Beade e a charanga Os Imperiais. A novidade do programa chegou da man de Wilson Salywonzyk “el payador”, un músico improvisador arxentino que ofreceu un recital a pleno sol, inspirado polas vistas dende o alto: “Hace 20 años que participo en festivales por toda Europa y en uno de ellos conocí a Pinto d'Herbón y Bieito Lobariñas que me invitaron al certamen de regueifas, y es que el arte verdadero no conoce fronteras”. Cun público complicado, pola calor e á hora, xa preto do xantar, Wilson cantou e fixo unha exhibición das súas capacidades artísticas, despíndose con “Tierra y libertad”.
A Casa da Novenas volveu abrir con servizo de bar e foron moitos os que optaron por quedar a comer. Como estrelas do menú ofreceuse polbo, churrasco, empanada e sardiñas. Os que máis escolleron un churrasco no Sanatorio do Alba e os que menos instalaron a súa mesa nun lugar con sombra. Nieves Lorenzo está ao fronte dunha comisión de festas formada por quince veciños. “Este ano había máis xente na subida da Virxe, aínda que non hai cambio xeracional, a mocidade non se anima a vir”, sinalou. Cun orzamento de 15.000 euros para os tres días, involucran ás administracións para costear os grupos musicais e os veciños que participan a través de rifas. “Deixamos de ir pedir polas casas porque coincide con San Campio que é moi custoso, pero aínda así a xente é moi solidaria porque vendemos todo”. Sen moitos cambios con respecto a edicións anteriores, a presidenta sinala que este ano estrea varanda polas 127 escadas de subida á ermita que rodean o cumio do monte.
Ás seis da tarde celebrouse a última misa do día e ao pé da Señora do Alba, estaban como cada ano, Cándida González, de 85 anos, acompañada por Salud Fernández, de 81. Responsable do coidado da igrexa, afirma que é moito traballo para ela e como cada ano, asegura que este será o último, pero a devoción e o cariño que procesa á Virxe poden con todo. “Leva o traxe lavado e pranchado e cabelo natural foi peiteado na perruquería”, sinala con orgullo.
O vindeiro día 24 reunirase coa Virxe Santo Bartomeu, o santo dos croques, é a cita máis multitudinaria. Ao coincidir en domingo, os organizadores agardan unha grande afluencia de romeiros procedentes de toda a comarca. O 8 de setembro será a despedida coa terceira e última festa que remata co descenso dos tallas e o encontro de San Xosé coa Virxe á chegada á igrexa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último