Rueda dá en Vigo por cumprido o 85% do seu programa

O PP de Galicia celebrou onte na cidade un acto de partido para facer balance da primeira metade do mandato na Xunta. O seu presidente instou a traballar de cara as municipais

Publicado: 16 may 2026 - 16:43 Actualizado: 16 may 2026 - 20:24
Alfonso Rueda, nun momento da súa intervención, onte en Vigo, ante os cargos, militantes e simpatizantes do PPdeG. | Vicente Alonso

Baixo o lema “Galicia Goberna” o PPdeG fixo onte balance da primeira mitade desta lexislatura ao fronte da Xunta de Galicia. O presidente deste partido, e titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, presentouse ao medidodía de onte en Vigo recoñecendo que esta era unha praza “onde todo é un pouco máis difícil, pero que cando se consigue dá máis gusto”, en referencia a ser unha cidade gobernada polo socialista Abel Caballero.

Arroupado por todos os seus conselleiros, e nun auditorio do Centro Social Afundación que quedou pequeno para acoller a altos cargos, militantes e simpatizantes, tras sinalar que “vimos aquí a render contas”, afirmou que entre o 85% e o 87% do programa co que se presentou ás pasadas eleccións –as primeiras ás que concorría logo da marcha a Madrid de Núñez Feijóo– xa se cumprira ou estaba xa en marcha.

Malia todo, animou ao seu equipo e aos membros do seu partido a seguir traballando, marcando así o vieiro a seguir coa mirada posta nas vindeiras eleccións municipais e nas seguintes xerais. “Galicia non pode deterse. Imos de primeiros e temos que traballar moitísimo máis a partir de agora”, engadiu.

Facendo un símil co ciclismo, deporte que el mesmo practica, dixo que agora toca “esprintar” para ir gañando etapas ata acadar os obxectivos marcados. Alfonso Rueda, despois de criticar “aos do non”, en alusión ao BNG, e ao PSdeG, do que ironizou que “tiña moi pouco que celebrar, porque esto vai da supervivencia do seu xefe supremo” en véspera das eleccións andaluzas, sacou peito de medidas do seu Goberno como a gratuidade da Universidade ou a construción de 4.000 vivendas prometidas para esta lexislatura para facer valer o seu compromiso coa cidadanía e para pedir un último esforzo para traballar e “darlle o mellor resultado da historia a Núñez Feijóo”.

Previamente, os seus conselleiros foron pasando un a un polo estrado para dar conta do seu labor de goberno, salientando os avances en materia de vivenda, con más de 4.000 construídas ou en marcha nesta lexislatura, como as iniciadas no barrio vigués de Navia; as reformas en Sanidade, o novo Plan Eólico, a xestión dos montes, os investimentos en ciencia e industria, a boa marcha do emprego ou o “equilibrio lingüístico” acadado, segundo os seus titulares.

Un acto que “escenifica o compromiso” coa cidade

O acto del PPdeG de onte supuxo o punto de partida para a precampaña das eleccións municipais, que se teñen que celebrar o vindeiro ano por estas datas, polo que a súa realización en Vigo tivo moito de simbólico, xa que é unha praza que se lle resiste a este partido dende hai 20 anos.

A encargada de dar a benvida ao acto foi Luisa Sánchez, presidenta do PP vigués, concelleira e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, quen afirmou que este encontro supuña “a escenificación do compromiso con Vigo” do Executivo de Rueda. “Queremos recoñecer a aposta deste Goberno por Vigo, pola nosa cidade, que é una cidade esixente, pero moi agradecida”, explicou.

Logo de referirse ao actual alcalde Abel Caballero como “o innombrable”, e acusalo públicamente de “retorcer a realidade”, instou a apropiarse do relato para pór en valor os investimentos realizados, como Navia, o IES Domingo Villar ou o CIS Olimpia Valencia.

Contenido patrocinado

stats