exposición
Rosalía, viva tamén no arte
exposición
Pensar Rosalía a través da arte pictórica. Esa é a premisa da exposición inaugurada onte na sede da Deputación en Vigo, na que unha treintena de autores e autoras reinterpretan poemas ou fragmentos da escritora convertíndoos en obras plásticas. Este traballo foi recoñecido onte polo presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez; o conselleiro de Cultura, José López Campos, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.
A mostra, de carácter itinerante, reúne 35 ilustracións orixinais realizadas por 35 artistas galegos e galegas que interpretan textos da autora desde linguaxes plásticas contemporáneas. Impulsada pola Fundación Rosalía de Castro, esta iniciativa pon de manifesto a vixencia da figura de Rosalía, cuxa influencia transcendeu a literatura para converterse nun símbolo cultural de Galicia, inspirando tamén disciplinas como a música e as artes visuais.
Durante o acto, Luisa Sánchez recoñeceu o valor do traballo conxunto que fai posible este tipo de proxectos. “A cultura constrúese colectivamente, e actos como o de hoxe demostran que cando sumamos esforzos, o resultado é máis rico”, sinalou.
O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, aseverou que Rosalía “está viva” non só na literatura, senón tamén na cultura popular.
Pola súa banda, López Campos salientou que o impacto de Rosalía de Castro “hai tempo que traspasou os límites da literatura para converterse en inspiración en case todas as disciplinas artísticas”, entre as que citou a música, que a teñen situado na autora máis musicada, e a plástica “onde é incontestable que deixou unha fonda pegada, tanto na arte como no deseño”, aseverou con respecto a esta mostra.
Para rematar, Santalices admirou a capacidade dos artistas para transmitir a Rosalía porque “a súa obra admite múltiples interpretacións”, poñendo a diversidade de lecturas de “Negra Sombra” por parte de García Calvo, Piñeiro ou Alonso Montero. Ademais, subliñou a estreita colaboración entre o Parlamento e a Consellería de Cultura.
Ao termo das presentacións, a artista Iria Ribadomar tomou a palabra de xeito espontáneo ante o asombro das autoridades, para reivindicar a figura da escritora e explicar a continuación a súa interpretación do poema “Por que?”, que aborda o desafiuzamento dunha familia, un tema que segue de actualidade, a través dun cadro reivindicativo.
A exposición poderá visitarse na sede provincial situada no Casco Vello de Vigo, na rúa Chao, ata o 12 de xuño en horario ininterrompido de 9 a 20,30 horas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último