Rodrigo Costoya: "Colón era de Galicia"

Rodrigo Costoya presenta a súa novela “Portosanto”, que parte da tese de que o Almirante era Pedro Madruga

O escritor Rodrígo Costoya
O escritor Rodrígo Costoya | Atlántico

Rodrigo Costoya (Torrelavega, Cantabria, 1977) presentou “Portosanto. O enigma de Colón”, unha novela que mergulla o lector na Galicia do século XV, e conta a historia de Pedro, un neno nacido na pequena aldea de Portosanto, en Poio. Costoya parte dos datos históricos e das diferentes teorías existentes arredor da figura de Cristóbal Colón para construír unha narración na que tamén teñen un papel fundamental a tradición e a memoria histórica de Galicia. Malia que natural de Cantabria, Costoya é galegofalante. Regresou coa súa familia a Galicia en 1981 e desenvolveu a súa vida persoal e profesional en Santiago como profesor de secundario. É autor, ademais de “Portosanto”, de “O custodio dos libros”, novela coa que gañou o IX Certame de Novela Histórica Cidade de Úbeda en 2020.

Como é "Portosanto"?

"Portosanto" é a miña primeira novela, que vimos de reeditar no seu idioma orixinal, en galego, coa Editorial Pàmies, de Madrid, grazas á excelente acollida que lle deu o público galego neste tempo. Nela contamos a historia dun meniño de pai descoñecido que nace nesa aldea, Portosanto, moi preto de Pontevedra. Un cativo que parecería estar destinado a ser unha persoa anónima pero que, contra todo prognóstico, acaba por se converter nunha das figuras máis transcendentais da historia universal. Como puido acontecer algo tan inverosímil é o que narramos nesta novela.

A tese do Colón galego, de Poio, sostense?

Ao longo dos cento corenta anos que suma a teoría que indica que Colón foi realmente un nobre nacido en Galicia acumuláronse ducias de indicios dunha contundencia demoledora. A día de hoxe eu diría que ningún historiador serio negaría a potencial veracidade desta teoría, moi superior a outras. Aspectos como o idioma empregado polo almirante, os topónimos que adxudicou ás terras que ía descubrindo, a orixe pontevedresa da Nao Santa María (La Gallega), a arribada da Pinta a Baiona, etc. constitúen, no seu conxunto, unha hipótese que non se pode ignorar dende un punto de vista epistemolóxico. E si, a Casa da Crus cobra relevancia se temos en conta que é un dos dous únicos lugares en todo o mundo onde podemos atopar, tallado en pedra, o apelido "Colón". O outro é a basílica de Santa María, na vila de Pontevedra.

Seica é difícil de creer que dous persoaxes da potencia de Colón e Pedro Madruga sexan a mesma persoa.

É tan difícil de crer que tardamos cinco séculos en nos decatar. Pero os indicios son demoledores, como dicimos, e agora, un estudo de ADN da Universidade Complutense de Madrid chegou a esa mesma conclusión, polo que as dúbidas que poidan quedar son cada vez máis febles. Segundo ese estudo, o almirante que coñecemos co nome de Cristóbal Colón tivo que ser, antes de asumir esa identidade ficticia, o nobre galego coñecido como Pedro Fernández Eannes, primeiro, e como Pedro Álvarez de Soutomaior despois.

Que cambiaría se é certo que Colón era galego?

O máis importante é que se saiba a verdade dunha vez por todas. Que se desvele un dos misterios máis duradeiros e complexos da historia. Polo resto, haberá quen considere positivo que Colón fose galego e quen o vexa como algo negativo. O gran tema da miña obra literaria é a transcendencia de Galicia na historia universal: obviamente, que o home que cambiou o mundo fose galego, unha das figuras máis destacadas de toda a humanidade, para min é importante. Ademais, é un grande recurso cultural e, xa que logo, turístico, como puidemos comprobar in situ en lugares que si reivindican a súa figura (Xénova, Madeira, La Gomera ou Barcelona, por exemplo).

Como naceu o seu interese polo Colón galego, que leva mesmo séculos enriba da mesa mesa?

Todo comezou cunha entrevista na radio. Así coñecín a Alfonso Philippott e as súas teses. Ao escoitar esa entrevista pensei que todo iso era un invento estrafalario, pero chamoume a atención e comecei a investigar. E aí, cando fun ás fontes, cando vin os argumentos que os diferentes investigadores achegaran ao longo dun século, cando apreciei a rotundidade dos indicios... pensei que esa historia había que contala cunha boa novela. E iso foi o que intentei facer.

Contenido patrocinado

stats