Revolución da industria editorial dende Vigo

Os irmáns Álvarez Blázquez foron pioneiros na publicación de libros e na súa difusión entre as clases populares con Castrelos e Monterrey

Xurxo Martínez e Pepe Álvarez Cáccamo, na biblioteca de Artes e Oficios, convidados pola Fundación Beiras Cal.
Xurxo Martínez e Pepe Álvarez Cáccamo, na biblioteca de Artes e Oficios, convidados pola Fundación Beiras Cal. | J.V. Landín

“Os Álvarez Blázquez foron os primeiros editores adicados ao libro galego despois da guerra civil con clara vocación patriótica, seguindo o legado deixado por Nós”. Así, o historiador Xurxo Martínez presentou o tema da palestra que onte tivo lugar na biblioteca de Artes e Oficios. Convidado pola Fundación Antón Beiras e Antía Cal, abordou a pegada que supuxo a actividade dos irmáns Álvarez Blázquez no mundo editorial. Na conversa estivo acompañado pola presenza do escritor Pepe Álvarez Cáccamo, fillo e sobriño dos protagonistas da xornada.

Primeiro librería e despois editorial, Monterrey foi fundado en 1948 por Xosé María Álvarez Blázquez e Viñas Cortegoso, catro anos antes que Galaxia, centrado no libro galego e antigo. “Ten especial importancia por ser unha familia marcada pola represión, o seu pai fora fusilado en Tui, e agora tomaban o relevo de Ánxel Casal, de Nós, quen á súa vez foi ‘paseado’. Estaban sinalados e aínda así asumen o risco pola cultura”, destacou Martínez.

Para o historiador, amais dos clásicos galegos, é importante a aposta que fan pola nova narrativa do país que se manifesta na publicación de “Nasce un arbore”, en 1952, obra de Rodríguez Mourullo. “Presenta unha nova narrativa, unha expresión novidosa seguindo as técnicas narrativas europeas emerxentes, algo que Galaxia de Ramón Piñeiro non considerou apropiado para o seu selo”.

A charla englóbase na exposición “Serigrafía galega 1971. Tributo aos irmáns Álvarez Blázquez” que acolle a sala expositiva da EMao (Artes e Oficios), onde se amosan algunhas das publicacións. “Esa filosofía síguena tamén na serigrafía que contribúe a amosar e valorizar as novas expresións da arte galega da man dos irmáns Xosé Manuel e Álvaro”. Finalmente, Martínez sinala que co seu labor, os Álvarez Blázquez “nunha visión máis global contribúen a situar a Vigo no mundo editorial, xa que era unha cidade sen tradición de imprenta”.

En 1964, Xosé Manuel esta vez con outro irmán, Emilio, fundan a editorial Castrelos coa colección “O Moucho”, con libros “do pobo para o pobo”. “Era un formato pequeno e barato para a divulgación con pensamento popular. Venderon máis de 30.000 exemplares”.

Contenido patrocinado

stats