‘Responso’ polo ensino público

Unha ‘marcha fúnebre’ percorreu varias escolas e institutos da cidade en protesta polos recortes en educación

Profesores de Vigo inundan las calles de la ciudad en defensa de la educación pública

A primeira das dúas xornadas de folga no ensino público convocadas pola CIG para esixir melloras nas condicións laborais do profesorado galego comezou en Vigo cunha protesta moi particular: un grupo de docentes vestidos de negro e portando candeas, flores e outras enseñas fúnebres –ademais das pancartas reivindicativas– marcharon a ritmo de tambor percorrendo varios centros públicos nos que recitaron un ‘responso’ para deixalos “descansar en paz”.

A protesta fúnebre, que precedeu á manifestación central convocada no cruce de Vía Norte con Urzaiz, comezou no IES San Tomé e visitou o IES Santa Irene, o CEIP Altamar, o CEIP Pintor Laxeiro e o CEIP Emilia Pardo Bazán (Chouzo). En cada un deles leuse un manifesto en forma de responso no que se lamenta “a morte do ensino público galego que faleceu hoxe despois de longa e dolorosa enfermidade causada por recortes continuados, falta de recursos e abandono institucional por parte da Consellería de Educación”. No canto de pedir a Deus, os lectores do responso rogaban ao conselleiro de Educación: “Aténdenos!”. Antes de proseguir a súa marcha cara ao seguinte centro educativo, declaraban o “loito” no instituto ou colexio e colgaban un crespón negro acompañado dun texto similar.

Un dos organizadores da marcha, o docente Xosé Manuel Atanes, sinalou que “as institucións están matando de fame o ensino público con recortes continuados, maior carga burocrática, máis alumnados con necesidades e menos apoio nas aulas”. Segundo indicou Atanes, o descontento na profesión está chegando ao límite de que “cada vez hai menos xente que quere ser docente e un dos indicadores é que este ano hai listas abertas dende inicio de curso porque ninguén quere vir traballar ao ensino público. Por algo será”.

Unha das principales causas polas que onte se manifestaron os docentes é o exceso de carga de traballo: “Cada vez hai máis profesores con problemas de ansiedade e depresión, desbordados e que piden baixas laborais”, destacou Atanes, quen tamén criticou que o acordo de mellora das condicións de traballo firmado por todos os sindicatos agás a CIG non se traduciu en melloras significativas. “En Primaria reduciron as horas de 25 semanais a 23 pero sen meter novo profesorado, polo que todos teñen que facer as mesmas horas igualmente; e en canto aos salarios subiron só 10 euros por cada sexenio, e a quen non ten sexenios non lle subiron nada”, sentenciou.

Ademais desta singular protesta, centos de docentes participaron nunha manifestación que partiu do cruce de Vía Norte con Urzaiz ata o cruce dos catro bancos. Hoxe terá lugar en Santiago a manifestación central destas dúas xornadas de folga, tamén de temática fúnebre –o enterro do ensino público–, que partirá dende o Parlamento ata a sede da Consellería de Educación.

Contenido patrocinado

stats