“Resistencia e defensa da cultura galega” dende Vigo
Galaxia conmemora 75 anos da súa fundación co programa “Crear porvir” con exposicións, publicacións e foros
Escritores, intelectuais e representantes políticos respostaron á convocatoria de Galaxia, que onte presentou a súa programación para conmemorar o seu 75 aniversario. Entre os asistentes estaba Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e o seu antecesor, Xesús Alonso Montero. “Este é un proxecto de resistencia e de defensa da cultura galega, para a súa modernización e para garantir o seu futuro”. Xosé Soutullo, director da editorial, abriu as intervencións, apostando por unha posta en valor das ideas fundacionais da empresa, “pero tamén a celebración do éxito ao adaptarse aos cambios sociais”. Asegurou que este ano servirá para “reforzar o noso compromiso co libro galego, coa nosa lingua e a nosa cultura”.
Ao longo do acto, tomaron a palabra Xosé Domínguez Novo, Marcos Calveiro, Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra, coordinadores respectivamente dos Foros Grial (catro en Santiago, Coruña, Vigo e Pontevedra), das actividades para a cativada (obra teatral “A biblioteca galáctica contra a IA fantástica”, con Tanxarina e Carlos Labraña e “Unha galaxia viguesa”, un libro para escolares sobre a identidade galega), da exposición “Crear porvir 75 aniversario da Editorial Galaxia” (de itinerancia pola sete cidades), dos Premios Literarios (primeira edición Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, dotado de 6.000 euros e o Premio Galaxia de Novela, con 25.000 euros) e da Biblioteca Galaxia (a escolma de dez títulos históricos).
A programación acolle amais unha segunda exposición “Crear porvir. Os deseños de Galaxia”, comisariada por Xurxo Martínez que se inaugurará en outubro no Marco, facendo un percorrido polo seu deseño editorial neste 75 anos. E outra centrada a achega dos escritores ourensáns, “Espazos literarios”, comisariada por Patricia Arias. Ana Viqueira e Nós TV producirá o documental “Galaxia 1950-2025”. Tamén farase eco no Ano Castelao, “mantendo o compromiso coa súa figura” farán unha edición facsimilar das versións manuscritas de “Os vellos non deben namorarse” que se conservan no Museo de Pontevedra, así como novas publicacións da súa obra.
Finalmente, celebrarase unha festa conmemorativa central o 6 de setembro no auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, onde se fundou a editorial.
Pola súa banda, Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración, pechou o acto “falando dende o corazón”. Lembrou os seus primeiros contactos co galeguismo e o nacionalismo na súa mocidade en Pontevedra a través de Galaxia e destacou a editorial como “unha excepcionalidade en España”. Recordou como tódolos fundadores foron “saneados” polo réxime, sufriron aperturas de expedientes, así como suspensións de emprego e soldo. “Fixérono conscientes dos riscos e das consecuencias tamén económicas que asumían, deixáronos como herdanza esa idea de esforzo e de sobrevivir”. Sinalou que o feito de fundarse como sociedade mercantil evitou que depéndese de permisos, así como facilitou o uso do galego. “Xaime (Isla Couto) era o enxeñeiro das ideas, tamén resolveu o problema de gobernanza da editorial, ligándoa ás fundacións Penzol e Isla Couto, que terían a maioría das accións, salvagardando a editorial”.
Fundada o 25 de xullo de 1950, a Editorial Galaxia cumpre 75 con sede en Vigo. Achegouse aos 4.000 títulos publicados e cunha nómina de 1.500 autores e unhas 7.700 colaboracións na revista “Grial”, unha das publicacións culturais máis lonxeva de España, dende 1963.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último