Un relato sobre Marisol Paíno faise co Vigo Histórico

Literatura

O certame, organizado pola Editorial Elvira, fallou aos gañadores da súa onceava edición na que participaron 200 autores

Publicado: 04 oct 2024 - 03:00 Actualizado: 04 oct 2024 - 08:21
Os organizadores de Vigo Histórico e algúns dos autores seleccionados, onte.
Os organizadores de Vigo Histórico e algúns dos autores seleccionados, onte.

Marcos López Concepción gañou o certame de relatos Vigo Histórico. Afecionado á escritura e apaixoado da investigación da historia e dos persoeiros locais, xa tiña obtido o primeiro premio en edicións pasadas cunha narración sobre A Calexa, unha moza sindicalista torturada e afondada na Ría no 36 polo bando fascista.

Outra muller protagoniza a súa última proposta, “Marisol e os depredadores”, baseada na xogadora de baloncesto, Marisol Paíno, que nos 80 levou ao Celta á elite, gañándoo todo. Entón é cando comeza o relato: “Houbo a quen lle molestou que un clube modesto fora o campión e comezouse a cuestionar a identidade sexual de Paíno”. O autor lembra como na publicación “Don Balón”, dirixido por Xosé María García e Mercedes Milá, saíu unha portada co rostro da xogadora e o titular “¿Hombre o mujer?” e que non recibiu todo o apoio que se agardaba do Celta. “Era unha muller moi reivindicativa, a primeira en pedir cotización e a profesionalización do seu traballo, negouse a constatación do seu sexo, como lle esixiu a Federación, entón pedírona a tódalas xogadoras para poder ser contratadas, con isto foi cando, estando no máis alto, deixouno todo”.

Agarda que este relato sexa o primeiro paso na recuperación dunha figura que considera emblemática. “Dende que se retirou vive no anonimato, é veciña do Calvario e fuxe da popularidade”.

Miguel Vázquez Vigo foi o finalista nesta edición na que se presentaron máis de 200 aspirantes. “Un hombre con dos historias” é a homenaxe a un amigo Alén que faleceu de sida en 1994, unha historia de amistade e morte. Localízase entre o Casco Vello, por locais como Nós, Laurel ou Porco, e Povisa. “Eu nunca escribira relatos, pero si poesía, compoño sobre dúas pezas ao mes, sempre ando co papeliño no peto para apuntar frases que logo me inspiren”. De feito, o conto inclúe uns versos que o autor lle adicou ao seu amigo na súa morte.

Antón Beiras Cal, con “Cine club”; Jorge Valín, con “El último gol de Maradona” e Juan Carlos Gómez, con “La muerte del dragón rojo” obtiveron un accésit.

Onte, na sede viguesa da Deputación, a escritora Clara do Roxo, vogal de xurado; Xabier Romero, da Editorial Elvira, acompañados pola vicepresidenta, Luisa Sánchez, deron a coñecer os 21 escritos que acompañarán aos gañadores na nova edición de “Relatos na Rúa”.

Contenido patrocinado

stats