Un referente en innovación e igualdade
DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Innovación, igualdade, sostibilidade e máis servizos e dereitos para a cidadanía. Estas son as liñas prioritarias de actuación que definen a xestión da Deputación de Pontevedra durante os últimos sete anos.
O Goberno de coalición PSOE–BNG, presidido por Carmela Silva, puxo en marcha no verán de 2015 un novo proxecto que situou as persoas no centro da acción política e se caracteriza pola eficiencia e equidade no reparto de recursos. O obxectivo é a transformación intelixente do territorio en estreita colaboración cos 61 concellos da provincia.
Teñen sido sete anos de intenso traballo enfocados a dotar de máis equipamentos e mellores infraestruturas ao case millón de habitantes da provincia. A de Pontevedra consolidouse neste período como a Deputación do país que máis recursos transfire aos municipios, cun total de 511 millóns desde 2016 a través de diversas liñas de actuación.
O Plan Concellos segue a ser a ferramenta estrela, 327 millóns de euros para a realización de case 3.000 obras e a creación de 7.000 empregos. Este programa é o artífice de que hoxe ducias de vilas e pobos conten con novos espazos públicos, bibliotecas, escolas infantís, estradas máis seguras e modernas instalacións deportivas. E a esta iniciativa únense os plans extraordinarios de reequilibrio territorial, que mobilizaron outros 58,1 millóns para facer máis dun centenar de grandes equipamentos e dotacións.
“A PROVINCIA QUE QUERES”
Este venres Carmela Silva e o vicepresidente, César Mosquera, conmemoraron os sete anos de goberno progresista en compañía de toda a súa equipa e de ducias de alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, que representan a máis de 600.000 habitantes da provincia, e de axentes do tecido empresarial e de asociacións e entidades sociais e culturais que nestes anos foron colaboradores imprescindibles deste cambio de modelo. Foi un acto celebrado baixo o lema “A provincia que queres. A túa Deputación” no que se fixo balance e se renderon contas á cidadanía.
O pianista Alejo Amoedo e a mezzosoprano Nuria Lorenzo encargáronse da banda sonora dun evento deseñado para poñer cifras aos importantes avances que se están a facer no territorio. “A transparencia e as boas prácticas na xestión son sinais de identidade deste Goberno. Propuxémonos a transformación radical da provincial e, honestamente, creo que estamos a conseguila”, enxalzou Carmela Silva durante a súa intervención, na que animou as administracións locais a aproveitar a “enorme oportunidade” que supón a inminente chegada de fondos europeos para modernizar a economía e a industria e afrontar retos como o despoboamento ou a necesaria dixitalización do comercio e o turismo. A institución “está preparada” para este reto, asegurou a presidenta, facendo mención aos 104 millóns de fondos procedentes de Europa que se levan mobilizado.
O vicepresidente da Deputación destacou o “exemplar” entendemento entre os dous partidos do Goberno, unha unidade de acción que, ao seu parecer, foi nuclear para “situarnos como referentes nacionais e a nivel internacional en determinadas áreas de xestión”. César Mosquera situou como un dos grandes acertos aplicados desde o primeiro día no Pazo Provincial “a erradicación dos tratos de favor. Traballamos con todos os concellos en igualdade de condicións”, enxalzou para rematar a súa intervención.
O cambio de goberno hai sete anos supuxo tamén a implantación dun novo modelo de infraestruturas e mobilidade recoñecido internacionalmente, e no que se investiron preto de 130 millóns de euros en sinerxia cos concellos. “Ao final do mandato o noso modelo de mobilidade segura, sostible e inclusiva, que sitúa ás persoas no centro do espazo público, chegará a todo o territorio”, avanzou a presidenta da Deputación. A Rede Ágora é un bo exemplo do novo modelo urbano que promove a institución, que neste primeiro ano do programa ten recuperado máis de 100.000 m2 de espazo público para as persoas e que quere espallar esta nova filosofía ao conxunto dos municipios.
No acto de aniversario tamén houbo tempo para repasar o enorme esforzo realizado en materia de igualdade, eixo prioritario, con 14 millóns de euros investidos nos últimos anos e o desenvolvemento de programas pioneiros en todas as franxas de idade que consolidan á provincia como unha referencia en España.
A Deputación de Pontevedra traballa de forma denodada por acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria de forma transversal, desde a cultura ao deporte ou a promoción das vocacións científicas de nenas e mozas; e segue a contar coa Escola de Igualdade María Vinyals como punta de lanza deste gran obxectivo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar