“A Reconquista saca o espíritu vigués”
Luis Domínguez, historiador da Universidade de Vigo participa hoxe nas xornadas da Real Academia Galega "A invención da tradición" falando da Reconquista, da que sinala como foi perdendo a carga relixiosa
Como evoluiron as festas históricas galegas ao longo do tempo? Como as interpreta a súa sociedade? A esas dúas cuestións tentarán dar resposta o historiador da UVigo, Luis Domínguez, e xornalista Manuel Gago nas xornadas “A invención da tradición” que a Real Academia Galega organiza hoxe, ás 17.30 horas, na Casa Galega da Cultura. Mentres Gago analizará o Desembarco viquingo de Catoira, Domínguez fará o propio coa Reconquista viguesa e a súa evolución: “Non está en cuestión a súa credibilidade, xa que foi un feito histórico que aconteceu, do que se trata é de ir vendo como ao longo dos máis de 200 anos mudou o xeito de celebrarse e o sentido da mesma”.
Sinala o vencello inicial que tiña coa procesión do Cristo, que xurdiu no propio 1809 como agradecemento ao éxito fronte ás tropas de Napoleón. “Comezou sendo unha cerimonia cívico-relixiosa, pero por cuestións meteorolóxicas en 1883 o Cristo pasouse ao primeiro domingo de agosto e desvinculouse da Reconquista”.
Con respecto á recreación teatral, apunta a que a ideoloxía dominante en cada momento puña máis fincapé nuns aspectos que noutros. “Sempre despertou un sentimento moi identitario, pero a partir da publicación do ‘Tratado do viguismo’ de 1928 saca ese espírito vigués, ese orgullo non é unha invención contemporánea".
Segundo os intereses do momento o foco recaeu nun ou noutro personaxe. “A República co Centro Hijos de Vigo recuperou a Cachamuíña, mentres no século XIX centrouse máis en Morillo, enlazando os feitos de Vigo coa súa traxectoria como capitán general e militar destacado en América, o seu prestixio dáballe prestixio á reconquista viguesa”.
Nesa evolución ideolóxica, Domínguez analiza os dous monumentos levantados en cadanseu centenario da Reconquista. “O do primeiro, adicado aos heroes (obra de González Pola encargada en 1909 e inaugurado en 1915) estaba presidido por un militar, Morillo, mentres o segundo (de Silverio Rivas, en 2010) recrea a oliveira do escudo da cidade e nas súas polas aparecen os nomes das parroquias, estáselle dando o protagonismo aos veciños de Vigo e dos seus redores”. Indica que o personaxe de Carolo representa ao mariñeiro do Berbés “de quen, segundo as crónicas, Cachamuíña tomou a machada para tirar a porta de Gamboa”.
Sinala que se ben a recreación é fiel aos feitos, “en cada momento pon o foco en certos aspectos de xeito interesado, por exemplo, nos séculos XIX e XX a Reconquista era principalmente hispana, esquecendo as fragatas inglesas que foron fundamentais para o éxito da contenda, nin sequera na representación actual se lles fai xustiza”. Foi unha guerra peninsular, onde os portugueses si tiveron o seu recoñecemento. “Xa en 1894 dáselle o nome de Tenente Almeida a unha praza moi significativa no Casco Vello e na Semana Hispano-Porguesa de 1933, que coindíu coa Reconquista, se lle colocou a placa no pazo de Figueroa e dende 1947 atópase no monumento do centenario”. Con todo, ser a primeira praza en ser liberada de Napoleón, “recoñeceuse ao ano seguinte, 1810, coa concesión a Vigo do título de cidade leal e valerosa”.
Manuel Gago: “En Catoira son todos vikingos, non hai defensores”
“A festa de Catoira é singular porque é unha das máis antigas de Galicia, de 1961 (a do Cocido de Lalín é de 1969), e sen un compoñente relixioso claro, aínda que se oficie unha misa en memoria do bispo Xelmírez”. Para Gago, a súa orixinalidade atópase xa na súa fundación a cargo do Ateneo de Ullán, “formado por xente do fondo da Ría de Arousa como Faustino Romero, Bouza Brey ou Plácido Castro que a idearon na cantina da estación de Catoira onde cada ano quedaban para xantar”. Así, sinala que “logrou combinar o saber erudito de xente da xeración Nós, defensores dos vencellos atlánticos de Galicia, coa idea moi galega de romaría de verán, era a vikingada con gastronomía, misa e representación, isto propiciou que nos anos 60 os veciños de Catoira desembarcaran con berros en noruegués con textos escritos por Castro que ata lles compuxo un himno”.
E o que naceu nese pequeno círculo e apoiada pola industria local axiña foi apropiada polos veciños que a perpetuaron. “Nos anos 70 xa tiña un éxito extraordinario. Os primeiros desembarcos fixéronse en barcos de dragar area no Ulla, as mesmas embarcacións que anos antes atoparan un achado extraordinario, as espadas de bronce lanzadas como ofrenda ao río”.
Un aspecto chamoulle especialmente a atención a Gago: “Dende os primeiros anos, hai un montón de viquingos, pero non hai defensores; é curioso e anómalo que se pode explicar na idea de que o galego asume identidades e celebra su conexión atlántica, aquí non hai invasión estranxeira”.
A estética dos viquingos variou a longo do tempo. “Cando comezou eran moi salvaxes, seguindo a idea da película de Kirk Douglas de 1958, agora semellan os da serie de Netflix ‘Vikings’. Non falan tanto da historia, senón da imaxe que temos no presente, algo que cambiou moito nos últimos 25 anos cos achádegos arqueolóxicos”. Constatouse que non tiñan cornos, unha invención do século XIX para acrecentar a imaxe de ferocidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar