A Real Academia celebrará en Vigo o acto central do 17 de maio

vigo

Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas participarán no pleno adicado a Xela Arias

m.n. vigo

Publicado: 13 mar 2021 - 00:27 Actualizado: 14 mar 2021 - 01:21

A RAG comezará a emitir o 6 de abril unha serie documental da obra de Xela Arias e a súa vida en Sarria e Vigo.
A RAG comezará a emitir o 6 de abril unha serie documental da obra de Xela Arias e a súa vida en Sarria e Vigo.

A Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Xela Arias en Vigo, a cidade onde a poeta, tradutora e editora viviu dende os sete anos ata o seu pasamento. Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas serán os académicos encargados de profundar nesta sesión na figura e na obra da autora á que a institución lle dedica este ano o 17 de maio.

Tamén foi nesta cidade onde comezaron as conmemoracións do ano de Xela Arias coa presentación, o día 2 deste mes, nas vésperas do aniversario de homenaxeada, a nova edición do proxecto dixital para o público infantil “Primavera das Letras”. Fíxoo no CEIP Sárdoma-Moledo, centro onde Xela cursou Primaria e impartíu clase o seu pai, Valentín Arias.

Á volta de Semana Santa, o 6 de abril, a RAG estreará a serie documental de seis capítulos sobre a súa vida e obra. Editada por Miramemira, contará con testemuñas moi vencelladas a Vigo, dende a súa familia (a nai, Amparo Castaño; o irmán Lois Arias e o fillo, Darío Gil); amais de compañeiros de estudos como Ana Iglesias ou de traballo como Celia Torres, Manuel Bragado ou o mesmo director da RAG, Víctor Freixanes. Tamén afonda na importancia que ten na súa obra a súa orixe en Sarria.

Asemade, a partir do 6 de abril, a RAG difundirá cada día, de mércores a luns, unha micropeza audiovisual que achegará a ollada persoal á figura e á obra de Xela Arias. No espazo dedicado á poeta na web da Real Academia, academia.gal irán engadíndose contidos á biografía escrita por Ana Romaní e a fotogalería de Xulio Gil.

Contenido patrocinado

stats