Ramón Villares: “A Eurorrexión é a grande conquista dos últimos 30 ou 40 anos”
Ramón Villares presentou en Vigo o seu último ensaio “Galicia e Portugal. Irmandade e Fronteira”
Ramón Villares (Lugo, 1951), catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, da que foi decano e reitor, visitou Vigo para presentar no Instituto Camões o seu último ensaio “Galicia e Portugal. Irmandade e Fronteira”, de Galaxia. Membro numerario da Real Academia Galega, ex-presidente do Consello da Cultura Galega e da Asociación Española de Historia Contemporánea, falou para Atlántico sobre a relación de amor e rexeitamento que caracteriza a relación entre galegos e portugueses.
É un libro de achegamento?
Trata de presentar os problemas que xorden entre ambos pobos. Primeiro editouse en portugués e agora en galego. Portugal é a continuación natural de Galicia, co norte compartimos, non só lingua, senón paisaxe, clima, cultura ou relixioso. Somos un continuo que estivo pechado por unha fronteira política xa de antigo, de orixe no Reino Suevo e nos condados medievais. Aínda que agora a traspasamos con facilidade, foi unha tráxica división. Mentres no norte nos vinculamos á Europa francesa, o sur centrouse na conquista dos territorios aos musulmáns e rematou dominando medio mundo.
Queda aínda a raia psicolóxica?
A cultura é o que máis tarda en mudar. Creouse un muro simbólico que temos que ir superando pouco a pouco. No norte de Portugal houbo unha aculturación por parte do Estado para esquecer a unión con Galicia. Agora cando un portugués ven a Vigo, di que vai a España. Non atopa diferencia con Castela ou Levante. Nós temos ese sentimento de achegamento co norte. Recuperar esa sensibilidade entre Galicia e Portugal é un proceso de tempo, de contacto e intercambios educativos, empresariais, sanitarios ou sociais.
Que papel xoga a Eurorrexión?
Foi a grande conquista dos últimos 30 ou 40 anos. É unha área moi adecuada para as política comunitarias. En moi pouca superficie aglutinan a 6 millóns de habitantes cunha conexión. Este caso é substancial para explicar o pensamento europeo da eliminación das fronteiras. A de Galicia-Norte de Portugal foi a primeira eurorrexión que se puxo en marcha e que conta cun gran investimento europeo.
Segue vixente o dito “Menos mal que nos queda Portugal”?
É un país que ten moito que ensinar e nós moito que aprender. É un referente económico e político, un punto de refuxio mítico, onde fuxiron moitos exiliados galegos, mentres os portugueses viñeron aquí. Ese dito ten moito que ver que calidade humana da poboación.
Contenido patrocinado
También te puede interesar